30/5/2016 - No vindeiro mes de xuño, a Capela da Madanela
será de novo o escenario no que os pintores, músicos, fótografos, escultores,
escritores, debuxantes e moitas outras persoas dedicadas ao mundo da arte en
Arzúa exporán as súas creacións. Así o vén de anunciar o Departamento de
Cultura do Concello de Arzúa convocando unha nova edición da Exposición Colectiva
de Artistas Locais.
As datas previstas para a mostra serán do 10 ao 18 de
xuño (ambos incluídos), tendo lugar a inauguración da exposición o venres día 10,
ás 20:30 horas, cunha actuación de música en directo.
Ao igual que aconteceu en pasadas edicións contarase coa
presenza dun artista convidado de fóra para lograr unha maior promoción desta
mostra máis alá do noso municipio e bisbarra.
Os veciños e veciñas de Arzúa que se adiquen a algunha
disciplina artística, de xeito afeccionado ou profesional, como a pintura,
debuxo, deseño gráfico, fotografía ou artesanía, están convidados a participar
nesta exposición colectiva cun máximo de tres obras por artista.
Para isto, cómpre reservar espazo no Departamento de
Cultura do Concello de Arzúa antes do 3 de xuño achegando, persoalmente ou por
correo electrónico, un impreso de inscrición que se pode conseguir nas
dependencias municipais. O enderezo electrónico é cultura@concellodearzua.com.
Tamén se pode chamar ao teléfono 981 500 222 para recibir máis información e
aclarar calquera dúbida que poida xurdir. O espazo expositivo é limitado e
irase cubrindo por rigorosa orde de inscrición.
O Concelleiro de Cultura de Arzúa, Miguel Vallo, convida
a todos os artistas da localidade a participar nesta exposición “para sacar á
luz a actividade creativa de cada un deles, que en moitas ocasións é
descoñecida pola maioría”, e sinala que “ a mostra debe ser un punto de
encontro que ten que servir para amosar, nun espazo idóneo como é a Capela da
Madanela, a variedade e riqueza das obras dos nosos artistas”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario