Lalín recupera o muiño do lago do Pontiñas

 29/5/2016 - O Concello de Lalín acaba de rehabilitar, tal e como se anunciara meses atrás, o muíño do Paseo do Pontiñas, que se atopa situado nas inmediacións do lago do auditorio.
Tamén coñecido como muíño do Calón, era antigamente empregado polos veciños de Lalín de Arriba para moer o seu gran. A Brigada Municipal de Obras foi a encargada da súa restauración completa, realizando para elo un traballo inxente, xa que se atopaba dende hai moitos anos abandonado e, porén, en moi mal estado de conservación. A situación do edificio era de total ruína, presentando o seu muro de mampostería derrubado en gran parte, así como a cuberta totalmente destruída. Asemade, o abandono propiciou que a estrutura se cubrira de maleza e que mesmo as paredes estiveran cubertas de pintadas, afeando considerablemente este punto do parque.

Os traballos de reparación executáronse nun prazo de 20 días. Consistiron na recuperación integral do muro exterior de mampostería, a través da reposición de cachotes e do limpado e recintado completo da pedra. Foi preciso, ao mesmo tempo, reconstruír a cuberta integramente. Para conseguilo tivéronse que empregar dúas novas vigas transversais de madeira, debido a que as orixinais estaban inservibles. Estas pertencían a outros edificios, pero estaban en desuso, de modo que os operarios as “reciclaron” tratándoas debidamente, para adaptalas posteriormente ao muíño. O arranxo do tellado de dúas augas rematouse coa colocación dunha cuberta interior de madeira reforzada con fibrocemento e completada exteriormente con tella do país. Ademais, colocouse unha porta de madeira na entrada do inmoble. Do mesmo xeito, realizáronse accións de limpeza no interior, onde se pode contemplar a enorme pedra de granito que forma o pé da moa.

As tarefas de restauración non se cinxiron exclusivamente ao edificio, senón que contemplaron a limpeza e adecuación do seu entorno. Exteriormente tamén destaca a rehabilitación do muro curvo que dá acceso ao muíño e que en boa parte tivo que ser desenterrado para a súa recuperación. Todo o conxunto foi arranxado para deixalo conforme o seu aspecto e estrutura orixinal.


O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña e os concelleiros de Obras e Medio Ambiente, Parques e Xardíns, Francisco Vilariño e Celia Alonso, visitaron onte o muíño, no que está previsto que se coloquen paneis informativos sobre a fauna e a flora relevante do Pontiñas. Os representantes do Goberno de Lalín “agradeceron enormemente” o traballo desenvolvido pola Brigada de Obras nas últimas semanas, “que permitiu, empregando exclusivamente medios propios, recuperar un elemento tan significativo para Lalín”. Este proxecto serve, ademais, para engadirlle ao “pulmón verde” da vila un novo compoñente de atracción e interese, pois sen dúbida, os visitantes valorarán moito poder gozar dun edificio tan simbólico da etnografía lalinense coma este muíño en perfectas condicións.  

Ningún comentario: