Os aloxamentos de Silleda inscritos no portal de Santiago Turismo, coñecerán a vindeira semana as vantaxes da Central de Reservas oficial de Compostela
-Dende a Concellería de Turismo convídaselles a participar na xuntanza que terá lugar en Santiago o vindeiro martes día 10
-A elaboración dun espazo web propio para os municipios de Área de Santiago, un mapa desplegable con todos os recursos e as Apps para móbiles, entre as seguintes acción do grupo
O vindeiro martes día 10 terá lugar no edificio Cersia de Santiago, ás 16.30 horas, unha xuntaza sobre a adhesión á Central de Reservas Oficial de Santiago de Compostela.
Dende a Concellería de Turismo de Silleda, que dirixe Margarita Campos, convocouse aos aloxamentos do municipio a acudir a esta reunión, onde se explicará o funcionamento da citada central e as súas vantaxes.
O pasado mes de outubro máis dunha vintena de establecementos do sector hostaleiro de Silleda sumáronse xa á iniciativa para promocionar, de xeito gratuito, a súa oferta na páxina web santiagoturismo.com.
Son 12 restaurantes e 13 aloxamentos, incluídos tamén os albergues e casas de turismo rural.
Dende a Concellería de Turismo, que dirixe Margarita Campos, anímase aos responsables dos aloxamentos a acudir a reunión o vindeiro martes para coñecer de primeira man “as amplas vantaxes que ofrece esta central”, engade Margarita Campos.
Así, destaca que está baseada na localidade, a diferencia doutros sites que venden aloxamentos, ofrecendo unha completa planificación de toda a estadía en Santiago e a súa Área.
Ademáis é unha entidade socialmente responsable e sustentable, xa que os fondos que se acadan como resultado da comercialización de aloxamentos e servizos retornan á zona, ao investirse directamente na mellora da promoción de servizos e produtos turísticos de Santiago e a súa área de influenza. “Por todo isto cremos que os aloxamentos silledenses teñen nesta Central unha moi boa oportunidade para promocionar a súa oferta e mellorar as súas posibilidades de negocio”, engade a concelleira.
Na xuntanza do martes, para os aloxamentos dos 19 municipios que conforman o grupo Área de Santiago, tamén se informará aos asistentes dunha serie de ferramentas on-line que poden ser usadas de xeito gratuito polo sector.
Espazo web propio e Apps
Por outra banda, entre as próximas actuacións de Santiago Turismo, destaca a posta en marcha dun espazo web propio para os municipios da área de Santiago, onde se poderá completa información de cada un deles. Tamén está previsto en breve presentar as aplicación móbiles (Apps) do grupo, así como outras iniciativas promocionais, caso dun mapa desplegable no que figurarán todos os recursos turísticos dos 19 municipios.
Presenza de Silleda
A día de hoxe, na web de Santiago Turismo figuran distintos recursos do municipio silledense, que xa poden ser consultados neste porta. Así, ademais de coñecer a oferta de restaurantes e aloxamentos tamén figuran xa dez monumentos (patrimoniais, artísticos e naturais); dous miradores; dúas zonas de ocio (rafting e puenting); os dous mercados tradicionais (Feira da Bandeira e Feira de Gando de Silleda); tres sendeiros (o de Parada, o do Deza e o da Férveda); zonas de pesca, e tamén, como áreas recreativas os Castros de Toiriz, a Copa do Castro, e a área da Saleta.
“Debemos de aproveitar esta oportunidade que nos brinda a cercanía a Compostela para seguir dinamizando o noso turismo”, sinala Margarita Campos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario