Os composteláns Curtinaitis chegarán mañá martes ás Crechas coa súa reinterpretación do rock'n'roll con aires funk-soul, flashes psicodélicos e unha descarada actitude hardcore: un choque entre James Brown e Townes Van Zant tamizado co salvaxismo de The Birthday Party e a actitude dos Beastie Boys.
Curtinaitis presentarán aquí o seu primeiro LP homónimo ‘Curtinaitis’ (Lixo Urbano, 2013). A súa visión do rock’n’roll é heterodoxa e bailona, sexual e arisca, mesmo evanescente por momentos. Para logralo contaron coa produción e os arranxos de Hevy (integrante dos grupos de hip-hop Fluzo e Malandrómeda) quen conseguiu que as cancións acadaran novos horizontes, mirando cara a atrás sen nostalxia, mirando ao futuro sen pretensións
O remate do disco é de verdadeiro luxo, grazas á masterización de Roger Seibel (SAE Mastering, Phoenix-Arizona), técnico que tamén realizou traballos para Bardo Pond, Bikini Kill, Bill Callahan, Bonnie 'Prince' Billy, Jon Spencer Blues Explosion ou Tortoise.
Ningún comentario:
Publicar un comentario