Ames - O pleno extraordinario foi surrealista e non se tomou nin unha decisión

O Goberno amiense cualifica de “surrealista e ridícula” a celebración dun pleno extraordinario no que non se tomou ningunha decisión e no que se solicitaba a devolución dunhas competencias que nunca foron delegadas
O Executivo define a solicitude deste pleno como “unha auténtica falta de respecto ao traballo da comisión” e tilda de “surrealista” a solicitude do cese da concelleira de Medio Ambiente por defender os intereses dos veciños e veciñas na licitación do servizo de saneamento e abastecemento.

Ames, 5 de decembro de 2013. O Goberno amiense lamenta a celebración esta tarde dun pleno extraordinario, solicitado polos exconcelleiros do PP, no que non se adoptou ningunha decisión e no que os asuntos que se abordaron están sendo tratados nunha comisión plenaria creada ao efecto. O Executivo define este feito como “falta de respecto ao traballo da comisión” e tilda de “surrealista” a solicitude do cese da concelleira de Medio Ambiente por defender os intereses dos veciños e veciñas na licitación do servizo de saneamento e abastecemento.

O Goberno amiense cualifica de “esperpéntica e fóra de lugar” a celebración dun pleno extraordinario “totalmente innecesario” e que só supón un gasto para as arcas municipais e non implica ningunha toma de decisión. Ademais, o Executivo recalca que “hoxe quedou demostrado o ridículo solicitando a devolución de competencias ao pleno por parte do Alcalde”, en referencia á inclusión na orde do día da revogación de competencias plenarias que actualmente están en favor da Alcaldía, cando esta non ten ningunha competencia de pleno asumida.

Sobre o proceso de licitación do servizo de abastecemento e saneamento, o alcalde de Ames, Santiago Amor, reiterou que o Concello “tomou a vía máis difícil e optou por facer uns pregos esixentes que miraban polo interese dos veciños e das veciñas do municipio e non das empresas”. Santiago Amor fixo fincapé durante o pleno en que “o prego era beneficioso para o Concello e xusto para as empresas” e que os aforros propostos por algúns concelleiros “recaían nas empresas e non no Concello”.

“O que fixemos foi esixirlle demasiado ás empresas”, engadiu o rexedor, que destacou que o Concello, unha vez declarado deserto a licitación, falou coas empresas e administracións, que comunicaron que o prego era asumible e que a situación xerada vén dada pola situación económica das empresas”.

Sobre o futuro da licitación do ciclo integral da auga, o alcalde de Ames reiterou que “é unha cuestión que debe abordarse na comisión creada ao efecto”. Ademais, o alcalde de Ames deixou claro que no prego non houbo irregularidades, aínda que puido haber algunha indefinición. O rexedor lembrou que na comisión plenaria se están abordando varias opcións, entre as que se atopan a municipalización do servizo ou a posta en marcha dun procedemento negociado.

Santiago Amor recoñeceu no pleno que si volvera a ter que tomar unha decisión sobre a licitación “volvería a tomar a mesma, sempre que tivera o apoio da oposición” e fixo fincapé en que tras o pleno “quedou claro quen está a favor dos intereses municipais e quen non”. O alcalde admitiu que o único erro de fondo que cometeu o Goberno foi “esixir demasiado ás empresas co obxectivo de defender os intereses municipais.” e recalcou que “o fío condutor de cara o futuro do proceso será o mesmo, esixir moito para o Concello e o xusto para as empresas”.

O alcalde de Ames rexeitou que se empregue como única crítica e argumento que se trataba dun prego moi duro para as empresas, “cando se debe mirar polo interese do Concello” e que as acusacións de plaxio do prego “son unha falta de respecto para todos os traballadores municipais que participaron nel”.

En relación aos posibles prexuízos económicos que podería xerar para o Concello a prórroga do contrato, Santiago Amor explicou que “os prexuízos económicos xa se daban ata o momento co actual prego e cando se liquide o contrato se verá se o Concello tivo ese prexuízo ou non, xa que hai obrigacións e dereitos polas dúas partes”.

O rexedor dí que tampouco é xustificable que ante un contrato que traería importantes réditos económicos ao Concello “se estea falando de cuestións menores como un aforro de dous millóns que só redundaría nas empresas”. Sobre o feito de que a licitación quedase deserta, recoñeceu que non é algo habitual, pero que sucedeu nalgunhas ocasións principalmente debido á actual situación económica.

O alcalde de Ames tamén rexeita as críticas do portavoz socialista, xa que no seu momento, cando gobernaban o Concello, “non se regularizaron situacións importantes para Ames como as que afectan á compra da auga con Santiago, a venda de auga a Brión ou a regularización da depuración das augas de Milladoiro que verten en Teo”.

Ante as críticas pola hora á que se celebrou o pleno, o rexedor lembroulle ao portavoz socialista que, seguindo a dinámica que se vén realizando desde o ano 2011, os plenos extraordinarios celébranse pola mañá, xa sexa a primeira ou a última hora.

Xa por último, o Goberno amiense destaca que solicitar un pleno utilizando como único argumento as preguntas que presentaron as empresas ao respecto da licitación non deixa de ser “un pobre argumento”. O Executivo considera “moi débil” escusarse nas preguntas e respostas dadas ás empresas, cando é o aspecto económico o que prima. Con todo, considera “exemplar” o sistema de resolución das dúbidas ás empresas, mediante Rexistro e publicación no perfil do contratante, como “un procedemento exemplar do cal non hai precedente”.

Ningún comentario: