A Deputación costeará o saneamento en O Ribeiro e no Camiño de Santiago
En total, a achega da Deputación para as diferentes
actuacións é de 58.000 euros, o total presupostado para a obra
O presidente da
Deputación, Diego Calvo, asinou un convenio de colaboración coa alcaldesa do
Concello de Melide, Ánxeles Vázquez, para o financiamento de actuacións
relacionadas co saneamento do municipio.
Para este fin, a institución provincial achegará 58.432,25 euros,
cos que se cubre o 100% do orzamento previsto para as obras de ampliación da
rede de saneamento no Ribeiro, canalizando un total de 147 metros; a mellora da
rede no Camiño de Santiago, coa súa completa renovación; e a eliminación da
antiga depuradora de Santa María e a posterior reposición do pavimento na zona.
Ánxeles Vázquez agradeceu o esforzo da Deputación para
acometer estas actuacións, xa que “non sería posible para o Concello de Melide
asumir estas reparacións”. Ademais, a rexedora salientou a importancia deste
acordo porque, segundo explicou, “dáse así solución a problemas importantes
para o noso municipio”. Deste xeito, a alcaldesa lembrou que con estas
actuacións, “salvaremos un problema que leva facendo moito dano á imaxe do
Camiño de Santiago na entrada de Melide”.
Nesta zona, ata o de agora, non había separación de pluviais
e augas fecais, o que provocaba moitos malos olores e o consecuente malestar
para os veciños e para os peregrinos.
Por outro lado, no caso da demolición da depuradora de Santa
María, Vázquez destacou que se trata dunha demanda dos veciños “xa que, desde
que non se utiliza co saneamento integral de Melide, supoñía un perigo e danaba
a imaxe da zona”. No caso da ampliación do Ribeiro, a alcaldesa asegurou que os
novos enganches permitirán completar o saneamento de toda a parroquia.

Ningún comentario:
Publicar un comentario