Os hostaleiros silledenses aínda poden sumarse á web de Santiago Turismo cubrindo un formulario antes do vindeiro día 10
-O portal web do grupo Área de Santiago inclue xa a promoción do mercado tradicional da Bandeira e da lonxa agraria de Silleda
-En breve tamén se promocionarán os miradoiros da Serra do Candán, Monte San Sebastián, os da Fervenza do Toxa e Castro Montaz, en Oleiros
O Concello de Silleda, a través do departamento de Turismo, informa aos hostaleiros do municipio que aínda poden sumarse á iniciativa promocional da web Santiago Turismo. O pasado venres día 27 celebrouse unha reunión para explicar aos responsables de locais de hostalería, restauración e aloxamentos esta posibilidade, totalmente gratuita, para a que terían que cubrir un formulario e aportar fotografías.
“Como houbo xente que non puido asistir a esta reunión e consideramos que a promoción na web do grupo Área de Santiago é moi interesante para o noso sector turístico, todas aquelas persoas que estén interesadas en que o seu establecemento figure neste portal da rede poden recoller fichas na Casa da Cultura de Silleda e entregalas no Concello antes do vindeiro xoves día 10 de outubro”, explica a concelleira de Turismo, Margarita Campos.
Por outra banda, na web figuran xa as dúas feiras que se celebran a día de hoxe no termo municipal: a feira da Bandeira e a do gando de Silleda. Na sección http://www.santiagoturismo.com/mercados-tradicionales-muy-cerca-de-santiago poden verse xa referencias a ambas feiras, nas que se fai unha descrición de ámlas dúas citas, orixes, e se aportan datos sobre a celebración e situación xeográfica.
Ademais tamén está previsto promocionar a través desta web miradoiros ubicados no municipio. Ás xa tradicionais e espectaculares vistas do Monte San Sebastián e e área das Brañas de Xestoso, e as da Serra do Candán, dende o departamento municipal de Turismo engadiranse á proposta as vistas dende Castro Montaz, cunha altitude impropia para os asentamentos castrexos, e os miradoiros da Fervenza da Toxa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario