Brión - Inauguración da exposición de Fernando yáñez "3.236 días"

O acto de inauguración terá lugar ás 20:00 horas na sala municipal de exposicións e estará presidida polo alcalde e a concelleira de Cultura 
A sala municipal de exposicións de Brión acollerá hoxe venres 4 de outubro, ás 20:00 horas, a inauguración da exposición “3.236 días”, do pintor lucense Fernando Yáñez, veciño de Brión dende hai un ano. Un acto que estará presidido polo alcalde de Brión, Xosé Luís García, e pola concelleira de Cultura, Patricia Vázquez.

“3.236 días” recolle unha selección dos mellores traballos de Fernando Yáñez entre 2003 e 2012. Licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo e docente de Educación Plástica e de Historia da Arte, a obra de Fernando Yáñez é fundamentalmente abstracta. A mostra “3.236 días” permite contemplar a evolución deste artista ao longo das súas diferentes series: “Espacios de vacío” (unha etapa monocromática e escura que reflicte os seus duros comezos como pintor en Madrid); “Réquiem” (na que predomina a cor vermella e se fala da súa relación coa música); “Lares” (unha referencia a Galicia cuxas paisaxes verdes predominan nos seus cadros); e “Telares” (unha evolución da etapa anterior na que as obras comezan a adquirir texturas). Ademais, tamén hai algo de relixiosa na pintura de Yáñez que culmina na súa obra máis recente: “A.M.E.N.”, título que recolle os catro piares básicos da pintura: Alma, Momento, Espazo e Necesidade. 

Ningún comentario: