Case 30 familias xa se beneficiaron desta iniciativa solidaria onde se contou coa colaboración altruísta da veciñanza e o traballo desinteresado de Protección Civil
O Departamento municipal de Benestar do Concello de Teo informa de que durante os últimos días xa se están repartindo os xoguetes da campaña de recollida coordinada dende Protección Civil. Un total de 29 familias con 52 nenos vanse beneficiar desta iniciativa altruísta que persigue que nestas datas tan sinaladas ningún pequeno/a quede sen xoguetes.
Dende os Servizos Sociais do Concello estudouse a distribución atendendo na medida do posible ás peticións dos propios nenos/as. Ademais engadíronse xoguetes educativos adecuados a cada idade e circunstancias sociais e familiares.
A campaña de recollida fíxose dende finais do mes de novembro e nela colaboraron numerosos establecementos comerciais e entidades como colexios, asociacións onde se colocaron as caixas para a recollida. Dende Protección Civil destacan a gran cantidade de material entregado, a maioría en bo estado, a única condición que se pedía. Antes de darlle ás familias os paquetes houbo que facer un traballo de clasificación que aínda continúa xa que non se entregaron todos os xoguetes recollidos. Polo que se algunha familia precisa dalgunha entrega pode dirixirse ós Servizos Sociais do Concello.
Os xoguetes que non se distribúan neste nadal quedarán no roupeiro municipal. Dende alí iranse repartindo durante o ano segundo as necesidades das familias que establezan os técnicos dende os Servizos Sociais.
Dende Protección Civil agradécese a colaboración altruísta da cidadanía e destácase especialmente a entrega do persoal voluntario e mesmo de persoas que sen ser voluntarias do servizo quixeron colaborar con esta iniciativa concreta.
Ningún comentario:
Publicar un comentario