Oroso - o concello homenaxeou a Sofía Zapata campiona da European Kempo Cup2012

O CONCELLO DE OROSO HOMENAXEA A SOFÍA ZAPATA, CAMPIOA EN COMBATE DA EUROPEAN KEMPO CUP 2012 
A taekwondista orosá Sofía Zapata Femín, de 14 anos, recibiu na noite de onte unha homenaxe do Concello de Oroso polos seus grandes éxitos deportivos, que o pasado 24 de novembro a levaron a converterse en campioa en combate e medalla de bronce en formas na European Kempo Cup 2012. Unha homenaxe presidida polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, e á que asistiron medio cento de persoas, entre os que estaban familia e amigos de Sofía, así como os seus compañeiros do Club ITF Oroso.

Manuel Mirás entregoulle un trofeo co símbolo do Concello de Oroso polo seu bo quefacer deportivo ao tempo que aseguraba sentirse “moi orgulloso de todo o que está destacando este pequeno concello no ámbito deportivo, sobre todo en rapaces e rapazas”. Sofía Zapata recibiu o premio de mans de Manuel Mirás e do concelleiro de Deportes, Luís Rey Villaverde, quen destacou que “na actualidade hai máis de seiscentos veciños e veciñas practicando deporte de forma organizada en Oroso, do que máis de 80% son nenos e nenas”. Pola súa banda, Sofía Zapata agradeceu a distinción ao Concello e o apoio amosado tanto pola súa familia como polos seus compañeiros e mestres no Club ITF Oroso.

Sofía Zapata Femín, cinto vermello do Club ITF Oroso, acadou a medalla de ouro en combate e a medalla de bronce en formas na European Kempo Cup 2012, celebrada en Vilagarcía o pasado 24 de novembro. O club orosán participou nesta competición grazas a unha invitación da Delegación Galega de Taekwondo ITF e a pesares de que non era un campionato de taekwondo, a súa disciplina.

Ningún comentario: