Ordes - concerto de coráis e recital da banda de música na fin de semana

O Concello de Ordes acollerá esta fin de semana o tradicional Certame de Corais e o recital da Banda de Música de Ordes
Un total de cinco agrupacións participarán no concerto polifónico o domingo na igrexa de Santa María, mentres que a primeira das citasserá o sábado na Casa da Cultura

O Concello de Ordes ten previsto de cara a esta fin de semana dúas citas nas que a música será auténtica protagonista. O sábado a Banda de Música de Ordes, acompañada do grupo de acordeón da Escola Municipal de Música, ofrecerán un recital a partir das 20 horas no auditorio da casa da Cultura. Deste xeito os músicos que constitúen dita agrupación cumpren cunha tradición que se ven realizando interrumpidamente dende hai anos, e que en cada edición é seguido por centenares de veciños e afeccionados á música que poden disfrutar del de xeito gratuito.

Xa de cara ao domingo a igrexa parroquial de Santa María de Ordes servirá de escenario para o tradicional certame de corais. Unha cita posta para as 20.30 horas cuxa entrada será de balde para todos aqueles que desexen asistir. Nesta ocasión as formacións que participarán serán: o Coro Voces Brancas da Coral Polifónica de Bergantiños, a Coral Polifónica de Bergantiños, Coral Polifónica de Santa Cruz de Montaos, o Coro Parroquial da Igrexa de Santa María de Ordes, e o grupo tradicional de pandeiretas Somos Nós.

Para a ocasión interpretaranse, ademáis de panxoliñas, cancións populares e temas propios desta época do ano, pezas de autores clásicos como Bach ou Mozart. Incluso haberá algún tema tradicional de zonas ou países tan lonxanos e exóticos como Hawai.

Ó igual que en anos pasados os organizadores de ambos eventos conta coa colaboración do Concello de Ordes para a súa posta en marcha.

Ningún comentario: