O CONCELLO DE OROSO DEDICA INTEGRAMENTE A OBRAS OS 282.000 EUROS DO POS 2013
O Concello de Oroso dedicará integramente a obras os 282.375 euros correspondentes ao Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (POS) 2013. Unha decisión que foi referendada por unanimidade no pleno extraordinario celebrado esta mañá.
O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, indica que “ao igual que o ano pasado, decidimos non destinar nin un só euro a gasto corrente para así poder investir eses máis de 282.000 euros en facer aquelas obras que precisan os veciños e veciñas de Oroso”. De feito, para poder executar estes traballos a prol da veciñanza, o Concello de Oroso vai a achegar ao POS 2013 algo máis de 43.500 euros, é dicir, máis do triplo da obriga legal do 5% (cifrada en 11.900 euros).
Relación de obras
A relación de obras incluídas no POS 2013 inclúen actuacións en materia de saneamento e abastecemento, así como melloras en alumeado público e no firme dalgúns viais nas parroquias orosáns. Orzamentariamente falando, o proxecto máis importante é a instalación do saneamento en A Igrexa, localidade da parroquia de Pasarelos, onde se investirán 114.337 euros. Nesta mesma parroquia tamén se investirán outros 37.322 euros no adecentamento da capa de rodadura da estrada que une Pasarelos e A Igrexa.
Así mesmo, o Concello de Oroso mellorará e ampliará os viais na parroquia de Oroso, concretamente entre os lugares de A Penela e O Cruceiro, onde tamén instalará unha rede de evacuación de augas pluviais. Un proxecto orzamentado en máis de 52.000 euros. Ademais, o Concello de Oroso investirá máis de 41.000 euros no abastecemento de auga aos núcleos de poboación de Cas e Casas Novas, na parroquia dos Ánxeles. Un proxecto que se acometerá dende o núcleo de O Cachopal. Finalmente, os case 37.000 euros restantes permitirán a instalación de alumeado público na rúa María Casares, na parroquia de Gándara.
O pleno municipal tamén aprobou o Plan Complementario do ano 2013, no que se inclúe o adecentamento da capa de rodadura da estrada entre A Altiboa, O Castro de Recouso e a Cruz de Folgoso, na parroquia de Marzoa. Un vial que remata nas inmediacións do novo camposanto municipal de Oroso, inaugurado o pasado mes de novembro, e que suporía un investimento de 133.102 euros.
Ningún comentario:
Publicar un comentario