A UNIÓN DEPORTIVA BASTAVALES ORGANIZA ESTE SÁBADO UN PARTIDO COS XUVENÍS DO COMPOSTELA PARA RECOLLER ALIMENTOS PARA O “BRIÓN SOLIDARIO”
A entrada suporá a entrega de alimentos non perecedoiros e ben empaquetados, que serán doados aos Servizos Sociais de Brión
Casas comerciais de Brión e Ames colaboran doando agasallos para os nenos, que serán sorteados entre os asistentes
A Unión Deportiva Bastavales organiza este sábado 29 de decembro un partido solidario entre o Bastavales UD e o Santiago de Compostela CF (na División de Honra, categoría xuvenil) coa fin de recoller alimentos non perecedoiros para o programa “Brión Solidario”, unha campaña municipal de recollida de alimentos dirixidos ás familias máis necesitadas de Brión. Un encontro que terá lugar no campo de fútbol municipal de Brión, a partir das 16:30 horas, e no que colabora o Concello de Brión.
Para poder asistir ao partido, o veciño terá que doar algún tipo de alimento non perecedoiro e correctamente empaquetado (pasta, aceite, conservas, legumes, cereais, leite...) que a organización entregará posteriormente ao Departamento de Servizos Sociais do Concello de Brión, dentro do programa “Brión Solidario”. Aqueles que non desexen agardar ata o sábado 29, poden facer as súas doazóns no Bar Casa Isorna (en San Salvador de Bastavales) ou no propio campo de fútbol de Pedrouzos (a partir das 16:30 horas). Tamén se pode colaborar facendo ingresos económicos na conta que está aberta no Froiz do centro comercial Montebalado.
Sorteos e xogos
De cara a conseguir o maior número de asistentes posible, o Bastavales UD conseguiu a colaboración solidaria de varias casas comerciais de Brión e Ames (Bertamiráns), que cederán diverso material deportivo que será sorteado entre os nenos e nenas que asistan ao partido. Así mesmo, procederase ao sorteo dunha Cesta de Nadal, doada por Cestigalia. Canda esta firma, tamén colaboran Xplosión Deportes, Ames Sport, Librería Mainomen, Educalia e Queens (todos eles de Bertamiráns) e os brioneses Solpor Deportes, Estanco Picallo e o Concello de Brión.
Ademais, todos os nenos e nenas que asistan ao partido poderán participar nun obradoiro cortesía de Educalia, que porá os monitores precisos para que os pais e nais poidan disfrutar do encontro mentres os seus pequenos participan en divertidos xogos. Os sorteos terán lugar no descanso e ao final do partido. Durante o descanso tamén haberá un desfile dos 80 nenos e nenas integrantes das categorías inferiores do Bastavales UD (alevíns, infantís e cadetes).
Brión Solidario
A campaña solidaria “Brión solidario” está a conseguir unha gran resposta por parte dos veciños e veciñas de Brión. A día de hoxe, a solidariedade veciñal segue chegando ao banco municipal de alimentos ben directamente, ben a través dos distintos centros educativos do municipio. Incluso esta mesma semana chegou unha doazón por parte do Hotel Balneario Compostela, quen fixo entrega dun camión cheo de alimentos non perecedoiros. Esta gran solidariedade amosada polos veciños e veciñas de Brión permitiu duplicar o número de familias beneficiadas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario