OROSO - PORTO AVIEIRA


MANUEL MIRÁS: “A INTENCIÓN DESTE GOBERNO
É REMATAR A URBANIZACIÓN PORTO AVIEIRA
CON TODOS OS MEDIOS DOS QUE DISPOÑAMOS”

O BOP publica hoxe a notificación da resolución do recurso de reposición que obrigará á Xunta de Compensación de Porto Avieira a aportar 407.000 euros para completar a urbanización

20 de outubro de 2010.- O BOP publica hoxe a notificación de resolución do recurso de reposición no litixio que o Concello de Oroso interpuxo contra a Xunta de Compensación de Porto Avieira no que se lle reclama 407.723 euros para completar a urbanización de Porto Avieira. Así, dende mañá xoves ábrese un prazo de 15 días naturais para que os representantes da Xunta comparezan no Concello de Oroso. En caso contrario, daráselles por notificados, despois dos intentos de notificación preceptivos realizados anteriormente.

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, apunta que o anuncio publicado hoxe no BOP “é unha mostra do compromiso deste goberno de chegar ás últimas consecuencias no tema de Porto Avieira. A nosa intención é rematar esa urbanización con todos os medios dos que dispoñamos para que os veciños non estén con ningún tipo de incertidume”. Neste sentido, Mirás Franqueira insiste en que “Porto Avieira é un núcleo urbán máis de Oroso”.

Otras medidas

Así mesmo, sinala que o Concello de Oroso está a traballar en varias frontes para solventar canto antes a situación de Porto Avieira. Ademais, da vía xudicial, o Concello de Oroso xa aprobou tamén unha modificación puntual do PXOM para solucionar os problemas coa mina de Porto Avieira. Con esta modificación, solucionarase a paralización do proceso urbanístico de desenvolvemento dun solo urbanizable, onde os propietarios non puideron edificar debido á afección urbanística xurdida pola existencia dun xacemento arqueolóxico que afecta a eses terreos.

Con esa modificación puntual, o Concello de Oroso garantirá o aproveitamento urbanístico aos propietarios do solo, que non puideron materializar o devandito aproveitamento, e tamén garantirá a protección do elemento patrimonial, segundo os traballos de prospección e as indicacións da Consellería de Cultura e Turismo. Con estas dúas vías en marcha, Manuel Mirás asegura que “agardamos pechar a situación desta urbanización de xeito definitivo nun tempo prudencial”.

Ningún comentario: