AMES - ESCOLAS DEPORTIVAS


Máis de 2.000 persoas acoden ás actividades das escolas deportivas e obradoiros culturais
O Concello de Ames ofrece un amplo abano de actividades deportivas e culturais co fin de mellorar a calidade de vida de toda a cidadanía amiense. Para iso púxose en marcha unha nova edición das escolas deportivas e obradoiros culturais, que se desenvolven nas localidades de Bertamiráns e O Milladoiro, así como en diferentes lugares do rural. Como sucede todos os anos este servizo municipal tivo unha gran demanda. En total son 2.114 persoas as que están inscritas en algunha das preto de vinte actividades que se ofertan dentro deste programa municipal. As escolas deportivas contan con 803 usuarios/as, mentres que aos obradoiros culturais acoden 343 persoas. Ademais hai que ter en conta que 968 amienses asisten as actividades físicas para adultos. A Administración local fai unha forte aposta por este servizo ao que lle dedica unha partida de 410.000 euros.
Chegado o mes de outubro as escolas deportivas e os obradoiros culturais botan a andar un ano máis co fin de ofrecerlle a todos/as amienses programas cheos de diversión e entretemento. O deporte e os obradoiros culturais son unha boa forma de desenvolver unha vida saudable e adquirir valores tan importantes como a deportividade, o respecto e a tolerancia. Por este motivo, o Concello de Ames aposta ano tras ano polo desenvolvemento destas actividades que sempre acadan uns resultados moi positivos. Para facerse unha idea da gran acollida que teñen estas actividades entre os amienses só hai que botar unha ollada ao número de usuarios que están inscritos neste servizo municipal.
Nesta edición xa son máis de 2.000 persoas as que acoden todas as semanas as actividades das escolas deportivas e obradoiros culturais. O servizo municipal das escolas deportivas atende a un total de 803 nenos e nenas. Pero este servizo non é exclusivo só para a mocidade senón que os adultos tamén dispoñen de varias actividades físicas que se imparten tanto nas localidades de Bertamiráns e O Milladoiro, así como en diferentes lugares do rural. A estas actividades acoden 968 usuarios/as. En total son 1.771 persoas as que se benefician deste servizo.
A oferta de actividades deportivas que ofrece o Concello de Ames caracterízase pola súa variedade e por estar pensadas para todos os grupos de idade. Así, os e as amantes do deporte poden escoller entre trece actividades: aerobic, ximnasia de mantemento, baloncesto, fútbol sala, natación, voleibol, actividade física para discapacitados, predeporte, tenis, pilates, tenis de mesa e patinaxe.

Nas escolas deportivas impártense deportes como poden ser o fútbol sala, o baloncesto, patinaxe, tenis, predeporte, tenis de mesa, voleibol e natación. Son moitos os cativos que asisten polas tarde aos pavillóns de Bertamiráns e do Milladoiro para practicar estes deportes. Un dos obxectivos deste servizo é iniciar aos nenos e nenas na práctica deportiva para que adquiran o hábito de realizar exercicio a miúdo. As actividades que máis rapaces atenden son a de patinaxe con 176 usuarios/as, tenis (173), baloncesto (129), predeporte (123) e fútbol sala (85). Cun menor índice de participación están as actividades de natación (65), tenis de mesa (32) e voleibol (20).
Actividades para adultos
Por outra banda existen unha serie de actividades físicas dedicadas ás persoas adultas que tamén teñen unha gran demanda entre a cidadanía amiense. Deste xeito son moitos os veciños que acoden as clases de aerobic, pilates, spinning ou ximnasia de mantemento. A actividade máis demandada é a de pilates con 347 usuarios/as. Este adestramento físico e metal serve para corrixir problemas no lombo ou aprender a adoptar as posturas correctas e estirar adecuadamente os músculos. Este método céntrase no desenvolvemento dos músculos internos para manter o equilibrio corporal e dar estabilidade e firmeza na columna vertebral polo que é moi usado como terapia en rehabilitación e para previr e curar a dor de lombo. Ademais hai 166 persoas que asisten as actividades de aerobic, 154 que están apuntados en spinning e 301 que asisten as clases de ximnasia de mantemento.

É importante destacar que para facilitar a asistencia de todos os participantes hai grupos tanto en Bertamiráns como no Milladoiro, pero ademais a actividade de pilates impártese na urbanización de Aldea Nova e a de ximnasia de mantemento nos lugares de Agrón, Aguapesada, Covas, Trasmonte, Tapia, Biduído, Aldea Nova e Ameixenda.
O Concello, a través deste servizo non só se preocupa polos bos hábitos saudables dos amienses, senón que tamén crea varios postos de traballo xa que existe un servizo de monitoraxe que se encarga de impartir estas actividades. A empresa VV Xestión de Actividade SL é a adxudicataria deste servizo e conta con 21 monitores que se ocupan de impartir todas estas actividades. Se temos en conta a totalidade das actividades e dos grupos hai un total de 93 monitores que se encargan de impartir as clases. Moitos dos 21 monitores da empresa adxudicataria do servizo repiten en máis dunha actividade.
Recentemente asinouse o contrato para impartir este servizo coa empresa VV Xestión de Actividade SL que comezou a rexer a comezos deste mes. O devandito contrato terá unha duración inicial de dúas tempadas (outubro 2010-maio 2011 e outubro 2011-maio 2012) prorrogables expresamente por períodos dunha tempada, por mutuo acordo das partes, ata un máximo de catro tempadas (incluído o período inicial e as prórrogas). Cada tempada divídese a súa vez en tempada regular ou ordinaria (meses de outubro a maio), e tempada de verán (70 horas nos meses de xullo e agosto dedicadas a actividade e cursos de natación). O importe de adxudicación do servizo ascende a contía de 159.203,52 euros. A esta contía hai que engadirlle o IVE correspondente, que ascende á cantidade de 12.736,28 euros.
Obradoiros culturais
As actividades culturais ofertadas polo Concello de Ames caracterízanse pola súa diversidade e por estar pensadas para todos os grupos de idade. Así, neste curso 2010- 2011, os e as amienses poden gozar de seis obradoiros como son o de canto, de baile e música tradicional, bailes de salón, manualidades, teatro ou xadrez. Estas actividades contan con 343 usuarios/as que se reparten entre as localidades de Bertamiráns (174) e O Milladoiro (169). O obradoiro de canto e música tradicional é o que ten maior demanda con 70 usuarios/as en Bertamiráns e 64 no Milladoiro. De preto séguelle o obradoiro de manualidades que tamén esperta a paixón de moitos veciños e veciñas de Ames. Cómpre salientar que nesta actividade son maioría as mulleres e ao igual que no caso anterior están divididas en dous grupos con 40 persoas en Bertamiráns e 44 no Milladoiro. Nos bailes de salón participan 57 persoas, no obradoiro de xadrez son 22 usuarios/as, en canto hai 28 persoas e no obradoiro de teatro 18 inscritos.
Debido á gran acollida que ten este servizo estre a cidadanía amiense o goberno municipal está facendo un gran esforzo para poder seguir impartindo estas actividades e para iso durante o curso 2010-2011 vai investir un total de 410.000 euros. O mantemento das escolas deportivas suporá un gasto de 285.000 euros mentres que o desenvolvemento dos obradoiros culturais teñen un custo de 125.000 euros


Ningún comentario: