Nova
pista de tenis e multideporte no Concello de Melide
·
O equipo de goberno acaba
de abrir ao público a remodelada pista de tenis, que agora se adaptou tamén
para outros deportes como baloncesto
·
No proxecto, de 143.000
euros, incluírase tamén a mellora das pistas deportivas e de recreo dos tres
colexios de Melide, que xa foron executadas.
A aposta do equipo de
goberno de Melide polo deporte e pola mocidade vense transformando, entre
outros apoios, na posta a punto de infraestruturas de primeira calidade para a
práctica de distintas modalidades deportivas. Nalgúns casos, o Concello puxo en
marcha novas infraestruturas para deportes que ata agora non tiñan unha forte
raigame na zona, como é o caso das dúas pistas de pádel, que se converteron
estes dous veráns pasados no principal reclamo deportivo da vila.
Nesta ocasión, a aposta
pola dotación de infraestrutura deportiva realizouse dende o Concello coa
recuperación da vella pista de tenis que se atopa a carón da piscina
climatizada. Esta pista, convertida nunha explanada sen a penas marcas para a
práctica do tenis, é hoxe, logo da execución dun proxecto incluído no Plan
Estatal, unha nova infraestrutura multidisciplinar aberta á veciñanza de Melide
de xeito gratuíto.
A pista de tenis foi
obxecto dunha importante mellora que se traduciu nunha nova aplicación do
firme, melloras nos peches metálicos e accesos á pista para discapacitados, e o
novo pintado do firme que habilita a instalación non só para tenis, senón tamén
para fútbol-sala e baloncesto. Ademais, o Concello dispuxo sobre a pista unha
nova rede de tenis, novas canastras e tamén porterías, a fin de facilitar a
práctica deportiva de todas as persoas que desexen usala.
Con esta son xa cinco as
novas pistas deportivas creadas polo Concello de Melide nos últimos tres anos,
xa que a esta pista de tenis sumaríanse as dúas de pádel e as dúas de
multideporte, situadas no parque Rosalía de Castro e a carón do novo Instituto,
respectivamente.
As obras na pista de tenis
remataron xa e a instalación atópase aberta a todos os usuarios. O Concello de
Melide quixo levar a cabo a remodelación desta infraestrutura incluíndo a súa
mellora nun proxecto máis ambicioso de recuperación integral de espazos
deportivos, co que tamén se melloraron as pistas de deportes dos tres colexios
da vila de Melide e os accesos á última pista multideporte construída. O
presuposto deste completo proxecto ascendeu a 143.000 euros.
Para a alcaldesa de
Melide, Socorro Cea, as importantes obras realizadas en materia deportiva nos
últimos tres anos serviron para dar cumprimento aos obxectivos marcados polo
actual equipo de goberno: “facilitar e incentivar a práctica deportiva en
Melide, sexa cal sexa a idade, ao entender que se trata dun beneficio directo
para a saúde dos melidenses”. Para a rexedora municipal “este obxectivo está
plenamente conseguido, tendo en conta o uso diario que teñen as novas
instalacións deportivas construídas”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario