Oroso inaugurou a segunda mostra da Asociación de Amizade e das Artes Galego Portuguesa

Hoxe Ás 13:30 horas, o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, dará o pregón da XX Festa da Troita e entregará os premios do Concurso de Pesca
Todo listo en Oroso para celebrar hoxe domingo o día grande da XX Festa da Troita, no que terá lugar a degustación de máis de 3.500 quilos de troita tanto nos 39 bares e restaurantes colaboradores como na Alameda de Góis, punto neurálxico da festa. Unha degustación que terá lugar a partir das 12:30 horas e que darán paso á entrega de premios do XX Campionato de Pesca e ao Pregón da Festa, que este ano será ofrecido polo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso.

O concelleiro de Cultura e coordinador da Festa da Troita, Luís Rey Villaverde, agradece por adiantado “a extraordinaria colaboración de 39 bares e restaurantes de Oroso que fan un importante investimento para mercar esas troitas coas que mañá agasallarán aos seus clientes”. Unha colaboración que puideron comprobar hoxe mesmo un grupo de dezaoito hostaleiros de Góis (Portugal), que visitan a XX Festa da Troita para coñecer a súa loxística e ver a posibilidade de celebrar un evento semellante ao outro lado do Miño.

Cada un dos 39 bares e restaurantes colaboradores comprou entre 80 e 90 quilos de troita, das que darán boa conta os milleiros de visitantes que se acheguen mañá domingo á mañá por Oroso, xa que en contados casos quedan troitas para a tarde. Ás 12:30 horas, tamén terá lugar unha degustación de troitas na Alameda de Góis organizada polo Concello de Oroso, que repartirá uns 300 quilos deste peixe. Unha degustación que estará amenizada pola Charanga BB+ e que servirá de antesala ao Pregón da Festa da Troita.

Pesca e pregón

O pregón deste ano será ofrecido polo presidente da Deputación Provincial da Coruña, Valentín González Formoso, a partir das 13:30 horas, coincidindo co acto de entrega de premios do campionato de pesca. Un acto que será presentado polo actor Luís Iglesia e que rematará cun xantar popular na carpa anexa á Alameda de Góis, para o que se poderán comprar as entradas nunha caseta na propia alameda.

Na entrega de galardóns, González Formoso estará acompañado polo presidente da FEGAMP, Alfredo García; o presidente da Deputación de Lugo e alcalde da Pontenova, Darío Campos, localidade lucense que comparte con Oroso a celebración dunha festa coa troita como protagonista; a presidenta da Cámara Municipal de Góis, María Lurdes Oliveira; o alcalde de Oroso, Manuel Mirás, á fronte da corporación municipal; así como alcaldes e concelleiros das comarcas de Ordes e Santiago. Todos eles entregarán os galardóns do tradicional concurso de pesca, que se está a disputar hoxe no río Tambre baixo a modalidade de pesca sen morte e de acordo coas normas da Federación Galega de Pesca. 

Arte na rúa

Esta vixésimo edición da Festa da Troita abriuse na noite de onte venres coa primeira sesión do Festival Oroso en Vivo, que encheu Sigüeiro de fans das orquestras Cinema e París de Noia, e coa inauguración da segunda exposición da Asociación de Amizade e das Artes Galego Portuguesa. Unha mostra que reúne un total de 36 cadros, tres por cada un dos artistas orosáns e portugueses participantes que poderá visitarse no centro cultural de Sigüeiro ata o vindeiro 20 de maio. 

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, desculpou a ausencia no acto dos alcaldes de Góis e Figueira da Foz, e garantiulles aos artistas que “me sinto moi orgulloso deste certame e temos a idea de que teña continuidade os próximos anos vinculado á Festa da Troita, que xa está plenamente consolidada”. Mirás Franqueira salientou que “dende este Concello facemos una aposta importante polo ensino e a cultura, pois entendemos que é algo que levaremos connosco para sempre” e destacou que grazas á colaboración coa Asociación da Amizade e das Artes Galego Portuguesa “cada ano descubrimos algún artista novo entre os nosos veciños e veciñas.

A presidenta da Asociación da Amizade e das Artes Galego Portuguesa, Conceição Ruivo, agradeceu as verbas do alcalde de Oroso, a quen agasallou con dous libros elaborados por artistas da asociación, e salientou que “esta asociación naceu en 2007 en Sigüeiro e dende entón xa conseguimos expoñer en América, a última no Brasil, e agora estamos pensando en levar a nosa arte ata Italia”. O pintor e escritor Constantino Cuesta falou en representación dos artistas orosáns agradecendo o traballo do Concello e dos artistas da Asociación por “axudar a que no pobo haxa hoxe máis vida e máis soños”.

Ningún comentario: