Os responsábeis locais de A Baña, Serxio Peillet, e Negreira, Xabier Salgado, veñen de remitir aos seus respectivos concellos mocións para o seu debate no próximo pleno
13/5/2016 - Nas mocións solicitan ademais do Ministerio de Administracións Públicas o seu apoio a todas as iniciativas dirixidas a manter o carácter público dos servizos básicos; que se inste ao Ministerio de Economía a que solicite que se faga pública toda a documentación relativa ao tratado, con base no regulamento 1049/2001 da UE e que o Ministerio de Economía suspenda as negociacións do TTIP.
Nas mocións, os representantes nacionalistas de Negreira e A Baña alertan de que o TTIP –que se está a negociar entre os EUA e a UE de costas á cidadanía- representa un serio perigo para a democracia e a debida protección dos dereitos sociais, laborais, ambientais e de saúde “antepondo o interese comercial de investidores e empresas transnacionais ao interese xeral”.
Denuncian que o que se persegue é a liberalización total dos servizos públicos e a apertura de prestacións destes por parte das multinacionais. Advirten de que se fan primar as leis do comercio sobre calquera outra consideración social e ignoran calquera lexislación, continental, estatal, nacional, rexional ou local.
Os representantes do BNG de A Baña e Negreira lembran que en Europa son 1.200 as vilas e cidades que xa se opuxeron ao TTIP, 140 delas no Estado español e que máis de tres millóns de persoas en Europa asinaron contra este tratado. Subliñan ademais que en Galiza preto dunha quincena de concellos xa manifestaron a súa oposición fronte ao acordo e continúan a sumarse apoios por todo o país.
Entenden que as administracións locais, tanto por seren afectadas directas ao ser canles axeitadas para promover os servizos públicos e a industria e emprego locais, como por promover na colectividade local o debate público e democrático sobre o que está verdadeiramente en xogo tras este acordo, deben pronunciarse sobre este acordo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario