A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela continúa este novo ano co seu ciclo de conferencias destinado a analizar a situación económica, social e cultural do país, convidando a personaxes de gran relevancia nos diferentes ámbitos.
O primeiro convidado de 2016 é o director da Real Academia Española (RAE), Darío Villanueva. Ofrecerá unha charla o vindeiro 1 de marzo sobre “Academias e educación”, ás 20:00 horas, no salón de actos da sede cameral. O presidente da Cámara de Santiago, Jesús Asorey, será o encargado de presentar a Villanueva, a cuxa conferencia se espera unha nutrida asistencia.
Darío Villanueva (Vilalba, 1950) é licenciado en Filoloxía Románica pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e doutor en Filoloxía Hispánica pola Universidad Autónoma de Madrid, ademais de catedrático de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da USC na súa Facultade de Filoloxía, onde foi decano entre 1987 e 1990. Ocupa o sillón D da Real Academia Española (RAE) e o seu discurso de ingreso versou sobre “El Quijote antes del cinema”. En decembro de 2009 foi elixido secretario da institución e en decembro de 2014, director. Esta elevada representación da Casa convérteo tamén en presidente da Asociación de Academias de la Lengua Española e membro nato do Consejo de Estado. Ademais é correspondente da Academia Argentina de Letras e doutor honoris causa por oito universidades de Arxentina, USA, Nicaragua, Perú, Reino Unido e Suecia.
Reitor da USC entre 1994 e 2002, en cuxo mandato impulsou a creación da incubadora de ideas empresariais Uninova e a sociedade Unirisco Galicia para outorgarlles financiamento
En xuño de 1994 foi elixido reitor da USC e reelixido en maio de 1998. Durante estes anos desempeñou unha das vicepresidencias da Conferencia de Rectores de Universidades Españolas (CRUE) e a presidencia da Red de Bibliotecas Universitarias (REBIUN). Formou parte do consello de administración do portal web Universia e impulsou a creación de Unirisco Galicia, primeira sociedade de capital risco para financiar proxectos baseados na transferencia de coñecemento da universidade á empresa.
Foi profesor visitante ou conferenciante en universidades dos cinco continentes, e publicou en español e inglés máis de tres centenares de artigos de teoría, crítica e literatura comparada en revistas españolas e estranxeiras.
Na actualidade, é membro do padroado e director do consello científico da Fundación Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes. Forma parte da xunta directiva do Capítulo español del Club de Roma e desempeña a dirección literaria da colección de Clásicos da Fundación José Antonio de Castro.
Os seus últimos libros son “Valle-Inclán, novelista del Modernismo” (2005); “Da palabra no tempo. Estudos e ensaios de literatura” (2007), escrito en lingua galega; “La poética de la lectura en Quevedo” (2007); e “Las fábulas mentirosas. Lectura, realidad, ficción, publicado en México” (segunda edición, 2011). En decembro de 2014 a editorial Routledge publicou “Introducing Comparative Literature. New Trends and Applications”, obra da que Darío Villanueva é coautor xunto a César Domínguez e Haun Saussy. A principios de 2015 apareceu unha nova edición ampliada de “Imágenes de la ciudad. Poesía y cine, de Whitman a Lorca”, que recibiu o primeiro premio internacional de investigación humanística da Sociedad Menéndez Pelayo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario