Psoe Ames - Nova executiva do partido

. “Non era sen tempo, pero a intensa actividade política vivida durante este último ano xunto coa chegada dos socialistas ao goberno amesán foi relegando a un segundo plano esta importante xuntanza. Por motivos laborais e persoais algúns membros que conformaban ata hoxe a executiva solicitaron a súa baixa e debemos aprobar xa unha renovación que reforce o traballo do grupo municipal e do goberno”, sinalou Francisco Villaverde Marcos, Secretario Xeral dos socialistas de Ames ao inicio da Asemblea Xeral da que sairía a nova executiva do partido. 

Francisco Villaverde amosou a súa satisfacción polos resultados obtidos tanto nas eleccións municipais, “que aínda que non foron os esperados conseguiuse volver á alcaldía, que era o obxectivo final”; como nas estatais onde o PSdeG-PSOE foi medrando en votos e salientou que “o verdadeiro esforzo comeza agora. Temos que estar á altura do noso programa e dos nosos veciños e veciñas”. “Ábresenos ante nós unha nova maneira de facer política, na que levamos traballando ao longo destes anos de oposición no goberno, escoitando de maneira activa e proactiva á cidadanía, tentando, en todo momento, dar resposta as súas necesidades e traballando sempre a prol dos dereitos dos veciños e veciñas. Acadar este obxectivo é unha obriga de todos os militantes e moi especialmente da nova executiva que hoxe imos elixir”, sinalou o Secretario Xeral.

Dimisión dos concelleiros socialistas

Cabe destacar que da anterior executiva presentaron a súa dimisión os actuais concelleiros de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García; e, a concelleira de Participación e Atención Veciñal e Promoción Económica, Isabel González. Os motivos salientados por ambos é a intención de dedicarse en exclusiva ao concello aínda que seguirán colaborando e participando de maneira activa, e, ao mesmo tempo dar paso a que novas persoas entren a formar parte da dirección local dos Socialistas de Ames. García destacou que a prioridade do goberno socialista é, e seguirá sendo, a atención aos veciños, unha atención que mellorou moito nestes sete meses de mandato e que, “moitos veciños e veciñas nos están a agradecer. A resposta á cidadanía é un feito”. Pola súa parte, González Cancela afirmou ver con bos ollos as novas incorporacións e recalcou que “como no meu caso, moitos outros que hoxe deixamos a executiva facémolo coa idea de seguir implicándonos, nunca de marchar”.



Destacan os Socialistas que agora é o momento máis importante para o Partido e a Organización en Ames, xa que desde a Executiva se debe de realizar un traballo importante en varias direccións: por unha banda de trasmisión do traballo e das medidas desenvolvidas polo goberno municipal, e pola outra como correa de trasmisión do que quere e opina a cidadanía amesá e trasladarllo aos membros do Goberno. “O Partido en Ames debe ter máis forza e traballar máis ca nunca, posto que deben de ser os ollos, os oídos e a boca dos veciños e veciñas de Ames”, racalca o Secretario Xeral, Francisco Villaverde.

Os novos membros da executiva formaron parte da lista coa que os socialistas de Ames concurriron ás eleccións municipais de maio de 2015 e que facilitou a súa chegada novamente ao goberno. “Dende a pasada convocatoria ás urnas, o Partido estivo apoiándose de maneira efectiva nos compoñentes da candidatura e parece lóxico conformar de maneira visible ese traballo e dedicación”, aclarou Paco Villaverde, e engadiu que “dende o primeiro momento a sintonía entre os candidatos foi perfecta, traballando en conxunto e cun alto nivel de implicación o que facilita esta pequena transición na executiva”. Son tempos de cambio, de novas ideas, de novos retos e de novas respostas e os Socialistas de Ames seguirán a traballar polo benestar dos seus veciños e veciñas.

A nova executiva socialista amesá fórmana:

Secretario Xeral: Francisco Villaverde 

Secretario de Información Municipal: José Miñones

Secretario de Organización: Víctor Fernández

Secretario de Formación: Eva Tomé

Secretario de Economía e Xuventude: Chema Fernández

Secretaria de Mobilización e Actos: Elisa Suárez

Secretario de Medio Ambiente e Patrimonio: Xurxo Santiso

Secretaria de Servizos Sociais e Igualdade: Susana Señorís

Secretario de Cultura e Asociacionismo: Rafael Castro

Secretaria de Sanidade: Rosa Fernández

Secretario de Educación e Deportes: Carlos Trías

Secretaria de Comunicación: Begoña Gómez

Vogais: José Pazos e Ofelia Mayo

Ningún comentario: