A Iniciativa Cidadá Ames Novo convoca á cidadanía a participar nun novo proceso aberto de construción de propostas e alternativas de futuro para o noso concello.
Queremos que a Marea de Ames chegue a todos os recunchos do concello, para que a voz da xente sexa escoitada. As propostas de Ames Novo non son as de un grupo reducido de persoas, senón as da maioría social de amesás e amesáns e por iso debemos actuar fronte ás promesas imcumpridas dun goberno que entende a participación cidadá como deixar a porta aberta á recepción de queixas; facilitando as canles de comunicación coa xente do común para facer chegar propostas e ideas.
Por iso imos comezar un novo proceso participativo, baseado na constitución de grupos de traballo sectoriais, que terán un funcionamento totalmente democrático e que servirán como laboratorios de creación e desenvolvemento de ideas. Todo o mundo ten moito que dicir sobre o urbanismo, sobre as obras, sobre a saúde, sobre a educación, sobre a economía, a cultura, o medio ambiente e tantas outras cousas que nos importan a todos e todas neste concello. Cada un terá máis interese nun tema concreto, ben pola súa experiencia, polo lugar onde vive ou simplemente porque lle interesa máis.
É o momento de recoller o talento da xente e darlle forma de propostas. É o momento de demostrar que xuntos podemos mudar moitas cousas. É o momento de por enriba da mesa un proxecto de futuro para que Ames sexa un concello innovador, solidario e sostible.
Os grupos de traballo terán carácter permanente e estarán abertos sempre a calquera veciña o veciño que queira aportar ideas ou opinións, sen importar a cor política. Aquí falamos de persoas, todas iguais e con voz e voto para decidir. Falaremos de proxectos, de ideas, non de ideoloxías.
Convocamos a toda a veciñanza para que acuda o vindeiro sábado 13 de febreiro ás 18 h no Pazo da Peregrina á Asemblea constituínte dos grupos sectoriais de traballo na que informaremos do seu funcionamento e constituiremos os grupos, que traballarán de xeito autónomo dende ese momento, aínda que con mecanismos de coordinación e intercambio de ideas.
Coma sempre, haberá servizo de gardería e despois da Asemblea, os e as que o desexen poderán participar nunha cea que terá lugar nun restaurante de Ames que se determinará en función da cantidade de persoas inscritas cun menú de 12 euros. A ligazón para inscribirse na cea:
Ningún comentario:
Publicar un comentario