Silleda - A Bandeira bate record de premios no antroido

A Bandeira bate o récord en premios no seu entroido e estrea unha representanción itinerante de cabezudos
-Un ano máis o Alto infantil organizado polo Ceip da localidade abrirá a batallas dialéctica , logo do desfile polas rúas da vila, na cita do vindeiro 1 de marzo

-A celebración do Entroido nesta localidade silledense comeza xa o venres día 28 coa vellada e o tractor filloeiro, nunha edición especial pola declaración do entroido como de Interese Turístico

A vila da Bandeira acolle os días 28 de febreiro e 1 de marzo a súa tradicional cita co entroido. O programa, que foi presentado hoxe no Centro Cultural Vistalegre, comeza o venres día 28 coa vellada e o percorrido do tractor filloeiro polas rúas da vila a partir das 20.00 horas, acompañado por unha charanga. Dende este vehículo repartiranse filloas, chourizo e viño, que serán gratis para os que vaian disfrazados de vellos/as. 

Xa o sábado día 1 de marzo chega o día grande, que comezará con unha das novidades: a representación itinerante da peza titulada “A venganza de Don Casmurro”, que partirá ás 12.00 horas do campo da feira, acompañada da banda Os Homes sen Medo.

A representación teatral, que dirixe Cristina Collazo, farase ao ritmo do percorrido, complementando o desfile dos cabezudos, recuperado en 2012 dende a Asociación Cultural Xenerais do Entroido da Bandeira. Estas figuras eran habituais nas festas da vila a principios do século XX. O percorrido da reprentación discorrerá pola rúa do Parque, Ramón de Valenzuela, Rúa Xeral e voltará ao campo da feira polo calello da Igrexa.

Xa pola tarde terá lugar o desfile de carrozas e comparsas encabezado polo xenerais e correos que lanzarán os tradicionais “vivas” entre o público ao seu paso. O percorrido partirá dende a rúa do Deporte, onde os que desexen participar poden anotarse entre as 15.15 e ata as 15..45 horas (no cruce con Agro do Balo). . O desfile da mascarada rematará na praza da Feira, onde os máis cativos abrirán o fogo verbal no Alto dos Xenerais infantil, -organizado polo Ceip Bandeira-unha cita que se ven celebrando dende hai xa varios anos e que garantiza a continuidade desta tradición tan arraigada en municipios da ribeira do Ulla. Os da canteira darán o paso os correos e xenerais do Alto, -previsto para as 18.00 horas. 
Récord de premios en número e contía e cambio no sistema do xurado

O presidente da Asociación de Xenerais do Entroido da Bandeira, Brais Cangas, presentou hoxe o cartel deste ano acompañado por Alberte Domínguez e a concelleira Pilar Peón, que agradeceu en nome do Concello o traballo que vén realizando este colectivo. 

O presidente explicou hoxe durante a presentación que os premios do concurso de máscaras e parrandas se volven a dividir en tres categorías, batendo ademais dous récords. “Este é o ano con máis número de premios e tamén no que que se refire á contía”, explicou Brais Cangas. Así, en total repartiranse máis de 1.800 euros

Para as comparsas e carrozas hai un total de seis premios un primeiro premio de 500 euros, donado por Frigoríficos Bandeira e Ortopedia Silva; un segundo de 300 euros (do Bar Arume e Óptica Silva); un terceiro dotado con 200 euros (de Vinoteca Cadeira e Bar Plazoleta); un cuarto premio de 100 euros (Bar Trécola e Taberna Tachy); un quinto de 75 euros, (Clínica Dental Marta Macías); e un sexto de 50 euros, donado polo Hostal Conde Rey. 

Haberá tamén dous premios ás mellores Charangas: un de 300 euros do Concello de Silleda e outro de 150, aportado por Autoescola Cies.

Na categoría de individual, haberá tres galadróns, un máis que o pasado ano. Así repartirase un primeiro de 100 euros (A Taberna do Músico) outro de 50 euros (Pastelería Dulce Deza) e o terceiro consiste no aloxamento unha noite e cea para dúas persoas por xentileza do Hotel Nordés, de Burela. 

Os organizadores tamén destacaron na presentación o cambio no sistema de fallo dos premios. Así, en lugar de hacer unha votación entre os participantes haberá un xurado que valore as propostas do desfile. 

A noite do sábado rematará cun baile de disfraces no pavillón da Bandeira, amenizado por Dúo Punto Zero e o Trío Manhattan.

Ningún comentario: