Psoe Teo - Deficiencias nos pavillóns

Abandono nos pavillóns municipais de teo:  problemas de salubridade e seguridade
Hai un ano, o PSdeG de Teo presentou unha moción no Pleno do mes de xaneiro do 2013, na que por un lado se instaba ao Goberno municipal a que adoptase as medidas necesarias para emendar, canto antes, as deficiencias gravísimas que sufrían os pavillóns municipais de Teo, e que se elaborase un plan de mellora e mantemento destas instalacións para o bienio 2013-2015, co fin de que nos próximos anos se efectúe unha mellora progresiva das súas instalacións, a fin de adecualas aos estándares doutras no Concello.

Un ano despois, o estado dos pavillóns municipais segue deixando moito que desexar, e reitéranse as queixas veciñais sobre todo en relación por ser instalacións empregadas polos nenos dos centros escolares próximos todos os días, no caso de Calo e A Ramallosa.


Hai un ano falabamos da deficiente limpeza dos pavillóns. En novembro do ano pasado procedeuse a licitación da nova empresa encargada da limpeza dos edificios e instalacións municipais, entre as que se atopan estes pavillóns, que conforme aos pregos debían diariamente ser obxecto dunha limpeza de pistas e gradas, lavabos, duchas e aseos, e vestiarios e salas auxiliares.

Uxía Lemus, concelleira do PSdeG, que procedeu a visitar estas instalacións este luns pola tarde, sinala que “o lixo das pistas, o grado da sucidade dos lavabos, era de tal calibre que parecía imposible defender que foran obxecto da calquera tipo de limpeza polo menos varios días antes, e menos nesa mesma mañá, como obrigan os pregos do contrato, e que por moitos nenos que os empreguen diariamente, as teas de araña non xorden en horas”.

No contrato da limpeza, ademais, indícase que hai unha persoa encargada do seguimento e control dos traballos de limpeza, para o que poderá realizar as comprobacións e inspeccións do servizo cando o considere oportuno. Os Socialistas de Teo non coñecemos o nome do responsable municipal na vixilancia do contrato, se existe tal figura e se algunha vez nos últimos meses exerceu esa labor de control, dado o grado de lixo dalgunhas partes dos pavillóns, por exemplo, como no da Ramallosa, onde por exemplo, existen restos no chan dunha caixa de madeira, ao carón dun contedor de vidro nun estado deplorable.

Como deficiencias de cada un dos pavillóns, podemos destacar que continúan a existir asuntos tan graves como que nas instalacións de Calo, o deplorable estado da sala anexa á pista principal, habitualmente empregada polos mais pequenos para a práctica do taekwondo: con humidades nas paredes e no chan, cun desaugadoiro debaixo dos colchóns de exercicio en moi mal estado e sucios, e cun cadro eléctrico, a baixa altura, cunha porta rota e aberta en todo momento. 


Debemos lembrar que no Pleno do mes de xaneiro de 2013, hai mais dun ano, o concelleiro responsable da área Anxo Rei dixo textualmente que esa sala de taekwondo “se construíu para vestiarios e debaixo ten un desagüe, estando pendente de arranxarse”.

Destacan, así mesmo, a existencia de numerosas goteiras: no pavillón de Calo, cun cubo do lixo recollendo a auga dunha gran “lagoa” na zona de gradas, ou que sobre as propias pistas dos Tilos e da Ramallosa, co perigo que iso representa para os usuarios das mesmas.

No próximo Pleno do mes de febreiro os Socialistas de Teo reiteraremos estas queixas sobre os pavillóns municipais, con deficiencias de emenda perentoria xa hai un ano, o que se agrava con novos problemas actuais. 

Canastras sen aro e sen rede, cables eléctricos nas pistas ou á man dos nenos, instalacións de mangueiras de incendios sen protección, saídas de emerxencia que non abren con cadeas ou pechadas en horario de uso dos pavillóns, cadros eléctricos de alta tensión sen pechar, escasa iluminación dos accesos, ..., o listado de deficiencias é de tal calibre, que amosan o escandaloso desleixo dos responsables municipais neste tema.

Uxía Lemus sinalou que “o desleixo amosado non é só cuestión de novos investimentos na reparación das infraestruturas, senón que pasa, en gran medida, polo seguimento da execución dos contratos municipais, como a da concesión da limpeza dos pavillóns, que tres meses despois da súa sinatura xa se está a incumprir como o anterior”.

Ningún comentario: