O boletín do PP é un dispendio obsceno
O BNG da Estrada, a través do seu portavoz municipal, Xosé Magariños, reaccionou ao envío do boletín do PP enviado a todas as casas do noso concello indicando que “nos tempos que corren, con paro, empresas e comercios que pechan todos os días, subidas de impostos e recortes sociais, é un obscenidade total e absoluta este dispendio”.
“O boletín”, explicou Magariños, “agocha máis do que ensina e fala dun concello idílico que só ve o alcalde; un concello”, engadiu o concelleiro do BNG, “no que os veciños e veciñas pagaron en 2012 o dobre do recibo da contribución e un 40% máis este ano a respecto do ano 2011, un concello onde as persoas con minusvalía van a ter que pagar o imposto de circulación canto antes estaban exentas, un concello que despilfarra os cartos públicos na construción dun campo de fútbol que ninguén quere e que non necesitamos para nada”.
“Por outra parte”, explicou o concelleiro nacionalista, “este boletín é un calco do programa electoral de ciencia ficción co que tamén daquela nos obsequiou a todos, con maquetas, fotos aéreas -bastante caras, por certo- e cores vistosas que agochan que este é un concello paralizado, e este é un goberno que vive das rendas de gobernos anteriores vendendo como propios proxectos como as concentracións de Codeseda e Arca ou o acondicionamento da praza exterior do Pazo de Oca impulsadas todas polo BNG”.
“Di o alcalde neste boletín que todo o mundo nos envexa e que teñen executado boa parte dos seu programa electoral, porén,” explicou Magariños, “a Variante, a autovía Santiago-A Estrada ou Cidade do Móbel que tamén son promesas electorais dormen o soño dos xustos e non se albisca no horizonte unha data máis ou menos críbel para executar estas obras importantes”. “Por outra parte”, engadiu o concelleiro do BNG, “recuperar para uso público o Pazo e a Torre de Guimarei, que tamén estaban no seu programa electoral, faise cada día máis difícil, pola oposición do Partido Popular no Parlamento Galego”.
“En resumo”, engadiu o concelleiro do BNG, “o PP presume de ser austero, mais este boletín reflicte precisamente o contrario, xa que como dixemos anteriormente, nos tempos que corren non se entenden este dispendio enviado a todas as casas do concello, máxime se temos en conta que os Populares reduciron considerabelmente (un 60%) as subvencións a partidos políticos; eles saberán de onde sacan os recursos para este dispendio”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario