BNG - acto aberto de lectura de de obras de Roberto Vidal Bolaño e Rosalía de Castro

O BNG convoca este xoves en Praterías un acto aberto de lectura da obra de Rosalía de Castro e de Roberto Vidal Bolaño 
“Hai que apoiar a cultura, mesmo en tempo de crise, porque é fundamental para o devir do noso país e para a promoción económica”, di Lucía Vázquez 

A responsábel local do BNG de Santiago de Compostela, Lucía Vázquez, presentou en rolda de prensa un acto sobre as Letras Galegas consistente na lectura de poemas de Rosalía de Castro e de pezas teatrais de Roberto Vidal Bolaño. O evento, aberto ao público, será o xoves 16 de maio ás 18:30 na praza de Praterías.

“O BNG convoca este acto para promocionar a lingua e coidala, non asfixiala”, sinalou Lucía Vázquez en clara alusión ás palabras do novo presidente da Real Academia Galega. “O motivo de escoller a lectura de Rosalía de Castro é o aniversario de 150 anos da publicación de Cantares Gallegos que ademais dá pé á data de referencia das Letras Galegas, o 17 de maio”, explicou, “e de Vidal Bolaño porque é o homenaxeado nesta edición” e pola súa profunda ligazón á cidade.

Segundo afirmou a responsábel local do BNG, “esta é unha das peores crises da cultura en galego porque os recortes aféctanlle moitísimo á programación cultural e neste sentido está ben o símbolo de reivindicar unha figura teatral como Roberto Vidal Bolaño, pero os símbolos teñen que ir acompañados de feitos e hai que apoiar a cultura, mesmo en tempo de crise, porque é fundamental para o devir do noso país e para a promoción económica”.

O acto consistirá nunha lectura libre e aberta, por iso o BNG de Santiago anima a cidadanía a sumarse á iniciativa co obxectivo de defender o uso do idioma galego, na véspera da concentración da manifestación convocada pola plataforma Queremos Galego que sairá o venres 17 de maio ás 12:00 horas da alameda compostelá.

Ningún comentario: