Oroso - este luns o concello acolle o proxecto "Tic Tac Town"

O IES DE OROSO ACOLLERÁ O LUNS 20 DE MAIO O PROXECTO “TIC TAC TOWN”, QUE BUSCA FOMENTAR O VOLUNTARIADO E DIFUNDIR O LABOR DAS ENTIDADES DE INICIATIVA SOCIAL
Entre as 10 e as 14:00 horas, o pavillón do IES de Oroso transformarase nunha vila onde o máis valioso que existe é o tempo que se comparte cos demais sen esperar nada a cambio

O IES de Oroso acollerá este luns 20 de maio, entre as 10:00 e as 14:00 horas, o proxecto “Tic Tac Town”, organizado polo Concello de Oroso e a Deputación da Coruña dentro do proxecto europeo VOLWE (“networking on the role volunteering in local welfare and integration policies”). Unha iniciativa que persegue fomentar o voluntariado e fidelizar a participación das persoas que exercen o labor coma voluntarias.

O concelleiro de Voluntariado, Antonio Leira, explica que “con esta actividades pretendemos concienciar e sensibilizar ao alumnado do IES da importancia do voluntariado, ao tempo que lles damos a coñecer os recursos postos en marcha polo Concello de Oroso a través do seu Programa de Voluntariado e que toman contacto coas organizacións e entidades que existen no municipio”. Ademais de coñecer as distintas entidades e organizacións sociais existentes en Oroso, “Tic Tac Town” tamén contará coa participación de entidades como Cruz Roja, Fundación Ronsel, Down Coruña, Down Ferrol, F.A.X.P.G, oficina de cooperación e voluntariado da universidade da Coruña, Asociación Suriya, Aspace, Cáritas, Protección Civil, Solidariedade galega co pobo saharauí, Solidaridad internacional de Galicia, Aspamite, Aspadex ou Apem.

Entre as 10:00 e as 14:00 horas, os alumnos e alumnas do IES de Oroso poderán descubrir as distintas actividades preparadas na vila de “Tic Tac Town”: talleres de relaxación, flores de basch, espectáculos circenses, actividades lúdicas e moitas máis cousas. Unha actividade que será clausurada ás 13:30 horas por Antonio Pereiro, en representación da Deputación da Coruña, e Antonio Leira, concelleiro de Voluntariado de Oroso.

Tic Tac Town
“Tic Tac Town” confórmase como unha vila na que se pon de manifesto que o tempo é o máis valioso que posúe cada individuo, polo que todos os seus habitantes levan colgado un gran reloxo. Pero, ademais, explican a importancia de compartir ese tempo cos demais sen agardar nada a cambio. Unha filosofía que busca favorecer actitudes positivas cara a acción voluntaria, coordinar e fortalecer ao sector de iniciativa social e sensibilizar aos alumnos do IES Oroso sobre as distintas problemáticas sociais.

Así, os rapaces e rapazas orosáns poderán coñecer o “Parque das Ilusións” (cheo de xogos que demostra que outro mundo é posible e co fío condutor da Declaración Universal dos Dereitos Humanos e os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio); o “Mercado Solidario” (baseado no respecto e na solidariedade e no que a moeda de cambio son alimentos non perecedoiros, xoguetes non sexistas nin bélicos, libros e contos); ou a “Praza do Cambio” (gran espazo central cun escenario no que se programan “Descargas Creativas”, que combinan a arte de artistas de rúa co debuxo libre de grafiteiros e outras formas de expresión artística).

Ningún comentario: