O pasado xoves celebrouse o pleno ordinario de mes de abril en Ames que someteu a deliberación e acordo da corporación local cuestións tan importantes como as Ordenanzas fiscais reguladoras da taxa de subministro e saneamento da auga así como a licitación do Ciclo Integral da Auga. Desde Ames Novo queremos valorar positivamente non só os acordos acadados, a aprobación de ambas cuestións; senón tamén destacar a colaboración de todos os grupos políticos e o traballo dos técnicos municipais nos últimos meses nun tema fundamental para o noso concello. As distintas sesións de traballo e o diálogo entre todos propiciou o avance e o consenso en puntos e cuestións fundamentais para Ames que na nosa opinión son difíciles de acadar desde outras metodoloxías de traballo. Por iso, emprazamos ao goberno a continuar nesta liña con procesos colaborativos coa fin de que redunden favorablemente na xente de Ames de cara a acadar o ben común.
Votamos favorablemente unhas ordenanzas que propoñen unhas taxas onde se prima o aforro de auga e se paga polo que se consume, fronte ao modelo actual de consumos mínimos polo que se beneficiará á maioría dos fogares amesás, así como aos comerciantes quenes viñan asumindo uns custos desproporcionados ao seu consumo. En referencia á licitación da auga son moitos os avances e beneficios, e supoñen un paso pequeno pero necesario de cara á municipalización da xestión do servizo de augas polo que Ames Novo aposta e que ten o compromiso do alcalde como acordo de investidura. Agardamos que de agora en diante este pequeno paso tome pulo a prol da axilización dos trámites que permitan á maior brevidade a xestión directa do servizo de auga no concello de Ames.
A toma de coñecemento da renuncia da Concelleira Catuxa García Mallo foi o punto máis emotivo da sesión plenaria, onde os voceiros de todos os grupos manifestaron a valoración positiva do traballo feito e o cariño que como persoa despertou en toda a corporación. En nome de Ames Novo falou a nosa voceira Pilar Candocia que fixo unha semblanza moi sentida do seu bo facer no político, da transparencia na súa xestión e da apertura á participación cidadá.
Desde Ames Novo respectamos, desde o cariño a súa marcha e entendemos as súas razóns polo malestar que provoca non sentirte parte dun proxecto, pero queremos dicir alto e claro que Catuxa García foi fiel aos posicionamentos do seu partido, Podemos, e da candidatura cidadá na que se presentou. Así o demostra o feito de que onte enchesen o salón de plenos moitos e moitas cidadás e representantes de diversas asociacións cos que traballou ao longo destes meses na procura dun Ames mellor. Entristécenos a súa marcha como concelleira pero sabemos que ela seguirá traballando a prol do Medio e politicamente na defensa da confluencia da esquerda galega, por iso non a despedimos simplemente dixémoslle un ata logo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario