Os socialistas de Ordes solicitan a construción dunha senda peonil

A infraestrutura, duns 2,5 km de lonxitude, melloraría a seguridade das persoas que fan o percorrido a miúdo e tamén sería un espazo de paseo de deporte. A senda iría desde O Valado ata Parada 
Os socialistas de Ordes solicitarán no pleno municipal de mañá, martes 26 de abril, a construción dunha senda peonil entre o acceso ao cemiterio municipal no lugar do Valado e a localidade da Grela, na parroquia de Parada. A infraestrutura tería uns 2,5 quilómetros de lonxitude e iría paralela, pola marxe esquerda, á estrada DP-5903 entre Ordes e Portemouro por Pontechonia. 

A portavoz do PSOE de Ordes, Verónica Gómez Fuentes, explica que a proposta consiste en que o Concello elabore o proxecto para presentarllo á Deputación da Coruña. Unha estimación inicial sitúa o custo da infraestrutura en aproximadamente 178.000 euros. Gómez sinala que terá que ser “unha senda peonil segura, sostible e integrada na paisaxe”, que repercutiría considerablemente na calidade de vida dos veciños e veciños da zona. 

O principal beneficio sería a mellora da seguridade para as persoas dos lugares da Grela, A Igrexa, O Pazo e O Castro, na parroquia de Parada. Na actualidade, moitas delas acoden a miúdo a pé ata o tanatorio de Ordes, percorrendo a propia estrada na maior parte do traxecto. Ademais, veciños e veciñas das parroquias limítrofes poderían utilizar a senda para pasear e practicar deporte no seu tempo de lecer, posto que conectaría coas beirarrúas xa existentes no Valado, o que posibilitaría un longo itinerario peonil na contorna da vila ordense. 

A iniciativa que presentan os socialistas reclama que o proxecto que elabore o Concello inclúa a separación da circulación rodada, que se garanta a accesibilidade e que se contemplen zonas de repouso. A obra deberá prever tamén as canalizacións de augas pluviais, do servizo de abastecemento e dos mecanismos de impulsión. 

A dotación de sendas peonís e de zonas verdes e de esparcemento son unha constante nas iniciativas que presenta o PSOE ordense. Cabe lembrar a petición da senda peonil da Brea, na que colaborará a Deputación, a senda no Mesón do Vento ou a senda entre Ordes e Poulo.

Ningún comentario: