Gentleman & The Evolution son os protagonistas da xornada das Festas do Apóstolo 2105 do martes 21 de xullo. Estarán ás 22.00 h na Praza da Quintana nun concerto con entrada libre, como todas as propostas do programa de Festas deste 2015. O programa complétase con seis actividades de Artellando: narración oral con Brais das Hortas na Gracia e con Contos Daboapipa en Vite e San Lourenzo; teatro coa Cía O Bandullo azul na Praza Roxa, danza con Ánxela Blanco, detrás do CGAC e música con Marcelo Mercadante na Praza do Toural.
Gentleman & The Evolution
A superestrela alemá do reggae está a xirar por Europa neste 2015 desde Colonia. Tras a publicación do seu sexto álbum de estudo ‘Live your live’ xunto ao xamaicano Richie Stephens e o seu sétimo álbum en solitario ‘New Day Dawn’ (Universal 2013), está embarcado nesta nova aventura da man da cadea MTV cun formato Unplugged, cun primeiro single de colaboración xunto á estrela xamaicana Shaggy. Ademais da presentación dos discos e do enerxético e rompedor show que sempre pon en escena Gentleman xunto á súa banda The Evolution, contaremos con todos os seus hits que o levantaron ao cume do Reggae a nivel mundial.
Artellando
Marcelo Mercadante e Gustavo Battaglia tocan xuntos desde 1994. O primeiro é un dos máis prestixiosos bandoneistas arxentinos que hai na actualidade; o segundo tamén arxentino, é dos mellores guitarristas de tango en activo. Ambos están afincados en Barcelona e serán os protagonistas do Artellando na noite desde martes. O concerto empezará ás 23:00 horas na Praza do Toural.
Durante o día, a programación de Artellando destinada ao público infantil continuará o seu periplo polos barrios de Santiago, co obxectivo de que a festa do Apóstolo 2015 se sinta en toda a cidade e tamén no rural do concello. Así, ás 12:30 horas, Brais das Hortas estará cos seus ‘Contos en obras’ no Centro SocioCultural da Gracia; e a esa mesma hora, no Centro SocioCultural de Vite, a compañía Contos Daboapipa representará ‘Contos de animalario’, espectáculo que se repetirá ás 19:00 horas da tarde no Centro SocioCultural de San Lourenzo.
Pola súa banda, na Praza Roxa, o martes cativos e maiores poderán gozar con ‘A incrible historia de Robinson Crusoe’, da compañía teatral clown Bandullo Azul, integrada polos actores Fran Ameixeiras e Fran Campos e dirixida por Evaristo Calvo . Será a partir das 19:00 horas.


Ningún comentario:
Publicar un comentario