O Parque de Belvís converterase o mércores pola noite nun gran Parque do Circo. A partir das 22:30 horas comezará a Gala de Novo Circo Compostelán CIRCOMPOSTELA, organizada por Culturactiva e por PistaCatro dentro da programación Artellando das Festas do Apóstolo 2015. Ademais, ao longo de todo o día teremos o IV Certame Folk con La Voz de Galicia no que teremos xogos de habilidade, obradoiros e varios concertos, ademais da Feira de Artesanía e de Deseño. A xornada complétase con outras moitas actividades de Artellando nos barrios e nos recunchos.
IV Certame Folk La Voz de Galicia
Por cuarto ano celebramos este certame folk dentro das Festas do Apóstolo, da man de La Voz de Galicia. A xornada comeza xa ás 11.00h da mañá coa Feira de Artesanía e de Deseño que se celebrará ata as 23.00 h. Ademais, teremos xogos de habilidade con materiais reciclados de 12.00 a 14.00 e de 16.30 a 17.30 h; e varios concertos xa pola tarde: ás 18.00 h Magin Blanco, ás 19.00 h Cantigas e Agarimos, ás 20.00 h Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, ás 21.30 h Tis Che Tein e pechamos o certame con Pepe Vaamonde Grupo ás 22.30 h. Todas as actividades son na praza da Quintana e con entrada libre.
Artellando
Como diciamos, o prato forte da xornada deste mércores 22 será a Gala de Novo Circo que se enmarca dentro do Artellando no Solpor e se celebra no parque de Belvís a partir das 22.30h. Na Gala participarán destacados artistas de malabares, danza, equilibrios, pallasos, músicos e circo, como son Aitor Garuz, Manu Lago, A Magnifique Bande dos Homes sen Medo, Os Sete Magníficos Máis Un, Raquela Oitavén, Mertxe Solé, Peter Punk ou a Compañía Duelirium. O evento ademais estará presentado e conducido por dúas mulleres moi especiais e importantes na cidade, As Dúas Marías.
Pero para a xornada tamén están programadas outras actividades. En horario de mañá, Artellando nos Barrios chegará ao Centro SocioCultural Figueiras, onde a partir das 12:00 horas o público infantil poderá gozar con ‘A historia de Branca Flor’ de Os Sete Magníficos Máis Un. Ás 12:30 horas, na Praza do Cruceiro Vello (Rúa de Sánchez Freire), en Conxo, estará o espectáculo para público familiar ‘Burro-máquina’, de Inacio Vilariño.
Xa pola tarde, ‘Babamor’ de Larraitz Urruzola está programado para as 19:00 horas no Local Social A Casa Agraria de Meixonfrío. E na Praza Roxa, o mércores será a quenda de Raquel Queizás, que protagonizará a contada ‘O segredo do tendal’ a partir tamén das 19:00 horas.
Mércores tamén haberá Artellando nos Recunchos, e nesta ocasión será na Praza de Mazarelos, onde se poderá ver o espectáculo de Rut Balbís e Cristina Montero ‘Só unha escusa’, a partir das 21:30 horas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario