Outono Festival - Presentada a edición do V aniversario do Outono Codax Festival

Tres sábados consecutivos (19 e 26 de setembro, e 3 de outubro, na Sala Capitol de Santiago de Compostela) e, por primeira vez na súa curta pero intensa historia, unha cita fóra de Galicia (2 de outubro, na Sala Acapulco de Xixón) servirán ao Outono Códax, o festival galego de música negra, para conmemorar o seu V aniversario. 

Unha celebración especial presentada esta mañá en rolda de prensa en Santiago, para a que a organización pretendeu pechar un selecto cartel ao que incorpora o máis distinguido do xénero que, como xa é habitual no festival, combina a participación de grandes lendas contemporáneas con bandas de referencia no actual panorama internacional e formacións galegas que despuntan con enerxía propia. Neste sentido, quizais sexa esta a proposta máis variada ata a data do Outono Códax en canto a estilos: do soul máis clásico ao último neo-soul; do rhythm&blues máis frenético ao funk máis mestizo; do gospel máis purista ao groovy máis evolucionado; do rock´n roll máis desenfreado ao blues, o dub, o reggae ou o doo-woop (o de onte e o de hoxe). 

Deste xeito, esta V edición do Outono Códax –impulsado desde a iniciativa privada por Raíña Productions e A Reixa, baixo o patrocinio de Martín Códax, e coa colaboración de Pousadas de Compostela, así como a de case un cento de establecementos hostaleiros e comerciais da capital galega– ofrecerá a posibilidade de asistir en Galicia (na maioría dos casos por primeira vez) a algúns dos directos máis notables e perseguidos do panorama internacional e estatal. Así, participarán no Outono Códax 2015: Mike Sánchez&His Band (un dos artistas de rhythm&blues e rock´n roll máis recoñecidos mundialmente); David Hooper&The Silverbacks (o norteamericano xa é comparado con estrelas 







veteranas, emerxidas ao igual ca el na madurez, como Charles Bradley, Lee Fields ou Sharon Jones); The Gospel Sessions (o último e gran espectáculo de Onno Smit e Paul Willemsen para o que contan coa maxistral voz de Michelle David, que volve así ao festival, e por aclamación popular, despois do seu espectacular directo na edición de 2013 con Lefties Soul Connection). 

Xunto a eles, estarán dúas das bandas máis consagradas da escena estatal: os catalás The Velvet Candles (considerada unha das mellores formacións de doo-woop) e Juan Zelada Band (un dos máximos expoñentes do neo-soul, que se estrea no Outono Códax cun espectáculo preparado para o festival). A participación galega deste ano, compromiso irrenunciable do festival coa música feita en Galicia, correrá nesta ocasión a cargo de tres das bandas máis destacadas da escena actual: The Soul Jacket, Transilvanians e Sabela King&The Heartbreakers. 

Todas e todos eles secundarán nesta edición a dous grandes do xénero: Tommy Hunt, o mítico vocalista de The Flamingos e unha das lendas vivas da música contemporánea, que acudirá ao Outono Códax como artista convidado para repasar algúns dos grandes éxitos da súa carreira; e a enorme Naomi Shelton, hoxe por hoxe, unha das divas da música negra e peza clave do renacemento da música sureña estadounidense en Nova York. Para honra do festival, a última veterana estrela de Daptone Records, a principal factoría mundial de música negra, aterrará no Outono Códax para actuar por primeira vez en España, acompañada do seu excepcional coro, The Gospel Queens, e da súa incrible banda (entre a que se atopa Fred Thomas, o histórico baixo de James Brown). 



CALENDARIO E BIOGRAFÍAS 

SÁBADO, 19 DE SETEMBRO 2 

MIKE SÁNCHEZ&HIS BAND + DAVID HOOPER&THE SILVERBACKS + TRANSILVANIANS 

O cantante, pianista e guitarrista británico MIKE SÁNCHEZ é, na actualidade, un dos artistas máis carismáticos e coñecidos do rhythm&blues e o rock´n roll actuais. Os seus contundentes directos, que o consagraron como un verdadeiro animal escénico (co seu potente e frenético boogie-woogie), xa se gañou a miles de fans por todo o mundo e ten atraído a distintas lendas do rock e do blues que quixeron colaborar con el. Ex membro de Big Town Playboys, estivo á fronte de Rhythm Kings, a banda do ex batería de The Rolling Stones, Bill Wyman, durante as súas xiras mundiais; ten compartido escenario con grandes mitos do soul mundial como Percy Sledge, Ben E King, Solomon Burke ou Sam Moore; foi teloneiro de Eric Clapton e gravou o seu aclamado traballo Almost Grown xunto a Imelda May. A prestixiosa publicación Blues in Britain designou a Mike (de pais españois) como o pianista do ano, durante catro anos consecutivos. Ademais dos seus electrizantes e recoñecidos traballos propios, colabora sempre que pode con outros grandes como Mick Fleetwood, de Fleetwood Mac. 

Pola súa banda, o norteamericano DAVID HOOPER estase convertendo nun deses brillantes artistas aos que o tempo recoloca no lugar que verdadeiramente lles corresponde. De feito, aa crítica xa o compara con estrelas veteranas que emerxeron de igual xeito como Sharon Jones, Lee Fields, Charles Bradley ou Sonny Knight (que xa participou na pasada edición do Outono Códax). Sempre atraído polos latidos da vibrante escena do Southern Soul, David xa demostrou a súa calidade para o blues e o rhythm&blues na súa cidade natal. Desde alí, decide trasladarse a Os Ánxeles para lanzar a súa carreira como artista. Na cidade dos soños formou parte de importantes bandas de R&B e funk de California como: Hollywood, Another level ou Sooper Experience Band. Despois da súa etapa nos Ánxeles e As Vegas, e de percorrer os escenarios de todo o mundo, actuando en lugares como Hong-Kong, estableceuse en España, onde 







da man de Tucxone Records relanzou a súa carreira acompañado de The SilverBacks (formación integrada por algúns dos máis reputados músicos do xénero). 

Os galegos TRANSILVANIANS serán os encargados de abrir a primeira noite do Outono Códax 2015 co seu funk marciano, rocksteady refrescante, groovy soul, horror reggae, dub ou R&B xamaicano, combinación de sons cos que xa percorreron case toda a xeografía estatal e outros países europeos como Bélxica, Francia, Alemaña, Holanda ou Portugal, nos que son uns dos directos incendiarios de máis alta voltaxe que se poden atopar actualmente no panorama estatal. 



SÁBADO, 26 DE SETEMBRO 

TOMMY HUNT (ARTISTA CONVIDADO) & THE NEW FLAMINGOS + THE VELVET CANDLES 

+ THE GOSPEL SESSIONS + SABELA KING&THE HEARTBREAKERS 

TOMMY HUNT é unha das lendas vivas do soul e o doo-wop contemporáneos. Vocalista dos míticos The Flamingos, Hunt forma parte do selecto grupo de grandes artistas que deixan pegada na historia do xénero. Coa lendaria banda asinou varios hits das listas norteamericanas e en 1958 obtivo o recoñecemento mundial grazas a I Only Have Eyes For You, tema que segue sendo hoxe en día unha das cancións máis populares do xénero, incorporada en centos de recompilatorios e nas bandas sonoras de moitos films. 

Hunt abandonou o grupo para lanzar en solitario Parade of Broken Hearts, traballo que o consagrou individualmente e que o converteu nun dos habituais de The Apollo de Nova York, xunto a todos os grandes dos 60 como Marvin Gaye, Ray Charles, Diana Ross e The Supremes, Chuck Berry, The Shirelles, Dionne Warwik ou Sam&Dave, por citar só algúns. De feito, Tommy segue sendo o único artista que ten 3 

a súa foto enmarcada no vestíbulo da mítica sala neoiorquina (unha con The Flamingos e outra como 

cantante en solitario). 

Nos 80 o prestixioso Club Mirror Award o recoñeceu como o mellor vocalista masculino. En 1996 recibiu o Lifetime Achievement Award de The Rhythm and Blues Foundation pola contribución de The Flamingos á música contemporánea; en 2000 o Vocal Group Hall of Fame; en 2001 o Doo-Woop Hall of Fame e, ese mesmo ano, The Rock and Roll Hall of Fame of America, pola contribución de 30 anos de The Flamingos á historia da música. Na actualidade, Tommy segue en activo, non só como convidado especial con The Flamingos, senón tamén como solista con concertos propios. Ao Outono Códax acude como estrela convidada para ofrecer o mellor do seu repertorio, acompañado por The New Flamingos, formación integrada por algúns dos vocalistas de Velvet Candles, a banda que lle precederá na súa actuación do sábado, 26 de setembro. 

Os catalás THE VELVET CANDLES están considerados unha das mellores bandas estatais de doo-woop, estilo co que conseguiron cativar a público e crítica. De feito, non só obtiveron o recoñecemento ao longo do territorio estatal, senón que, ademais, fixérono a nivel internacional, con xiras por distintos países, incluída a súa participación no Hemsby Rock&Roll Weekender, o festival de referencia para o rock´n roll europeo. O feito de que The Velvet Candles incorpore banda instrumental aos seus directos dota de máis forza se cabe o espectáculo a capela. Fieis aos sons dos anos 50, nos seus shows combinan temas propios con grandes clásicos da época, o que converte as súas actuacións en grandes festas de excepcional calidade ante as que o público acaba rendido. 







THE GOSPEL SESSIONS vol.1 é o último espectáculo proposto por Onno Smit e Paul Willemsen (de Beans & Fatback e Lefties Soul Connection), un proxecto que retorna elegantemente á esencia do gospel: desprenderse do superfluo e ver o que queda. Ese era o reto e resólveno esplendidamente grazas á soberbia voz de Michelle David. A norteamericana é unha das grandes vocalistas de soul e gospel do actual panorama internacional. Orixinaria de Nova York, ten acompañado a estrelas da talla de Diana Ross ou Michael Bolton e está considerada unha das grandes voces do soul actual. É este un show de pel, de calidade, dos que non se esquecen… 

SABELA KING AND THE HEARTBREAKERS percorren como poucos os territorios que transitan entre o blues, o country y o soul. O trío formado por Sabela King, Ramón Figueira e Benjamín Vázquez móvense estilisticamente con enorme soltura entre estes xéneros, adaptando versións dos grandes clásicos a un formato reducido, se ben no seu repertorio tamén inclúen temas propios. Dos seus espectáculos, destaca a poderosa voz de Sabela, que tanto pola súa sensibilidade, como polo seu timbre de voz, recorda ás grandes voces do soul e do blues clásicos, tal e como se poderá comprobar na segunda gran cita co festival. 



SÁBADO, 3 DE OUTUBRO 

NAOMI SHELTON & THE GOSPEL QUEENS + JUAN ZELADA BAND + THE SOUL JACKET 

NAOMI SHELTON é, hoxe por hoxe, unha das divas do soul internacional e peza clave do renacemento da música sureña estadounidense en Nova York. O seu non é só unha viaxe ao soul máis espiritual (provén do gospel e o rhythm&blues), senón tamén un percorrido lento e sorprendente cara un dos máis clamorosos éxitos da última década. Ao igual que moitas e moitos cantantes de gospel e 

rhythm&blues, Naomi aprendeu a cantar xunto ás súas dúas irmás na mesma igrexa onde foi bautizada, 4 


inspirada nos grandes do gospel como Sam Cooke and the Soul Stirrers ou The Five Blind Boys of Alabama; máis tarde recollería as influencias de grandes do soul como Wilson Pickett, Sam & Dave ou Otis Redding. Logo de varios anos granxeándose unha sólida reputación nos principais clubs neoiorquinos, na década dos 60 alcanzou un relativo éxito con distintos temas (moitos deles admirados e pinchados posteriormente por recoñecidos DJ´s) que a levou a continuar a súa carreira ao longo das seguintes décadas cos seus espectáculos neoiorquinos. 

Sen embargo, en 2009, Daptone Records, a produtora de referencia a nivel mundial na escena da música negra redescubre o seu incrible talento. Acompañada dun coro de excepción (The Gospel Queens) e unha incrible banda, entre cuxos integrantes atópase Fred Thomas, o histórico baixo de James Brown, Naomi reinicia unha carreira ata a data imparable. O seu primeiro disco What Have You Done, My Brother supuxo un bombazo no panorama internacional (mesmo a gran Sharon Jones contribuíu na súa gravación con coros adicionais). A portentosa e areosa voz de Naomi, as tremendas harmonías instrumentais, a espiritualidade e, aínda á súa idade, a súa incrible capacidade para transmitir unha enerxía única sobre o escenario elevaron a Shelton ás alturas do xénero. 

O seu segundo traballo, Cold World (2013), non fixo máis que consagrala. Calafrío na pel, concluíu unánime a crítica. Un proxecto a medio camiño entre o soul e o gospel, unha combinación máxica que non deixou indiferente ao público de medio mundo. Naomi soa en directo inimitable, auténtica, maxistral, por veces taxativa, por momentos suave. Os seus espectáculos convertéronse en toda unha experiencia irrepetible para quen pode acudir a eles. Dende entón, ademais das seus habituais sesións en Nova York, Naomi Shelton&The Gospel Queens non deixaron de xirar polos principais festivais de 







música negra do mundo e, agora, para honra do Outono Códax, aterra por primeira vez no Estado para pechar o festival e deleitarnos co que será, seguro, un dos concertos máis recordados do ciclo. 

JUAN ZELADA BAND estréase no Outono cun espectáculo preparado para o festival. O que é un dos máximos expoñentes do neo-soul español, completou en 2006 os seus estudos musicais cunha bolsa no Liverpool Institute for Performing Artists, onde recibe de mans de Paul McCartney o recoñecemento á mellor composición da súa promoción; “Smashing CD”, lle dixo entón o ex-Beatle. Logo de mudarse a Londres, monta a banda coa que xirará os seguintes anos, unha traxectoria que culmina co seu teloneo a Amy Winehouse en Back to Black Tour. En 2012 lanza o seu single Breakfast in Spitafields que se converte inmediatamente nun dos grandes éxitos británicos, sendo a canción máis radiada da BBC dese ano, só por detrás de Adele. Chama a atención de Decca Records, cos que edita o seu primeiro álbum High Ceilings & Collar Bones, cuxo segundo single (The Blues Remain) se converte no Single da Semana de iTunes e é incluído de novo na Playlist A da BBC. Ao ano seguinte edita o seu EP Follow The River e recibe o European Border Breakers Award no Eurosonic Fest en Holanda. 

Regresa a España nese mesmo Nadal e comeza 2014 viaxando por Sudamérica cunha mochila e a súa guitarra, dando forma aos temas do seu seguinte disco. De volta do seu periplo americano métese no estudio co produtor español Carlos Jean, dando como resultado meses despois Back On Track, o seu primeiro disco para o selo Muwom editado a principios deste ano. Nel, Zelada conxuga a súa consabida identidade soulera con novas influencias e a impronta Big Beat e electrónica do recoñecido produtor. 

Os vigueses THE SOUL JACKET abrirán a última noite do festival co característico son que os ten convertido nunha das bandas galegas con maior recoñecemento a nivel estatal. O seu é afastarse da obviedade do rock’n roll para mostrar todas as súas inquedanzas. A súa facilidade para incluír sons 5 

afrolatinos ou incluso algo de aquela psicodelia californiana de finais dos sesenta en temas que sobrepasan os 8 minutos é para a banda galega algo natural e ata necesario. 

A finais do ano pasado estreaban o seu terceiro e esperado disco de estudio, ao que titularon Black Cotton Limited. De novo con Hendrik Röver aos controis da mesa de son, este traballo ofrece 15 cortes e presenta a uns The Soul Jacket que se deslizan libremente entre os estilos desa Norteamérica mítica que tan ben souberon absorber e incorporar a un rexistro propio, xa de por si rico en matices. Con estes novos temas e varios dos seus clásicos prenderán a Capitol o 3 de outubro. 

EXTRAOUTONO EN GIJÓN 

Para conmemorar o seu V aniversario e sendo Asturias unha das comunidades autónomas que máis público non galego atraeu de sempre o Outono Códax, o festival incluirá na súa programación a que será a súa primeira cita ata a data fóra das fronteiras galegas. Concretamente será a cidade de Xixón a que acolla este EXTRAOUTONO o venres, 2 de outubro. Os galegos The Lákazans abrirán unha noite na que Naomi Shelton&The Gospel Queens brillarán na cidade asturiana. 






ACTIVIDADES PARALELAS: EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA, ALLNIGHTERS E SESIÓNS OUT CON “TAPA DO OUTONO”

Como xa é habitual, o Outono pretende sempre completar a súa proposta musical con distintas actividades paralelas polo que, fiel á súa filosofía, inclúe nesta edición unha expo cunha selección da obra fotográfica de Lawrence Impey, autor de famosos retratos de bandas históricas como The Police ou Blondie. A mostra permanecerá aberta en Santiago, no espazo Numax, do 15 de setembro ao 10 de outubro.

Á exposición uniranse as xa tradicionais allnighters do festival (pinchadas ao final de cada concerto) e as sesións out: pequenos concertos gratuítos na rúa aos que nesta edición conmemorativa unirase “a tapa do Outono”, unha iniciativa desenvolvida en colaboración coa publicación especializada Pincha(e)Discos en distintos locais hostaleiros de Compostela.

ENTRADAS, BONO E ROCK´NPORTE

As entradas do Outono Códax 2015 terán un prezo de 20 euros (+gastos) en venda anticipada e 24 euros en taquilla, se ben o festival ofrece un abono para os tres concertos por 39 euros (en venda anticipada ata o 31 de agosto) e 46 euros (a partir do 1 de setembro). O público interesado en adquirir as súas entradas en anticipada poderá facelo en: Tenda A Reixa e M!randa (Santiago), Honky Tonk e Discos Elepe (Vigo), Discos Portobello (A Coruña), www.ticketea.com e www.salacapitol.com.

De igual xeito, e como nas súas anteriores edicións, o Outono Códax porá en circulación o denominado "Rock´nporte", un "pasaporte" directo e gratuíto aos concertos para aquelas persoas que realicen consumicións ou compras nos case 100 establecementos hostaleiros e comerciais que colaboran co festival.

Ningún comentario: