Teo - Cabalgata de Reis

A poucos días de rematar as festas de Nadal no Concello de Teo ultímanse os preparativos para a cabalgata de reis na tarde do 5 de xaneiro. Como é tradición as súas maxestades chegarán en tren á estación de Osebe, en Calo, nunha liña regular que parará no apeadeiro ás 16:38 horas. Alí estará agardándoos o alcalde, Martiño Noriega, quen de seguro estará acompañado de moitos cativos e cativas e das súas familias. 

Dende alí Melchor, Gaspar e Baltasar, xunto cos paxes reais percorrerán diferentes lugares do Concello ata rematar no CSC da Ramallosa a última hora da tarde. O horario previsto da comitiva real é o seguinte: ás 17:10 horas chegarán ao local da SR de Calo; ás 17:40 horas estarán no local social da Pontevella en Reis; ás 18:20 horas está prevista a súa chegada ao Centro Comercial dos Tilos; ás 18:50 horas visitarán o centro da AC Rosalía de Castro de Cacheiras e ás 19:30 chegarán á Ramallosa. Este horario pode sufrir pequenas variacións. Dende o Departamento de Cultura, encargado da cabalgata, destacan que no Centro Sociocultural haberá actividades para os/as máis pequenos/as dende as 18:00 horas. 

Cando cheguen á Ramallosa os reis magos de Oriente atenderán as peticións dos máis pequenos/as nas últimas horas antes de comezar a máxica noite de reis. Ademais faranlle entrega aos asistentes dun quebracabezas dos petróglifos de Teo. 

Cabalgata nas residencias
E como ese día ten moito e máxico durante o mesmo día “outros” reis estarán pola mañá nas escolas infantís municipais e pola tarde visitarán as residencias de maiores de Teo. Dende hai anos o persoal do Servizo Municipal de Emerxencias e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Teo colaboran co departamento de Benestar e realizan unha cabalgata que visita a pequenos e maiores.

Pola tarde estes reis magos visitarán aos maiores das seguintes residencias ubicadas en Teo: o Castro en Texexe, a residencia de Pontevea, a dos Arcángeles en Cacheiras, a Residencial Victoria en Oza e o centro San Simón de Ons en Cacheiras.

Ningún comentario: