Onte o BNG de Ames facíase eco na súa conta de Facebook dunha carta dunhas familias do concello sobre a Cabalgata de Reis de Bertamiráns, carta que aquí reporducimos
EU COÑEZO O REI BALTASAR!
Se unha data hai no ano no que a xente miúda dunha casa se emocione, esa é a véspera do 6 de xaneiro, cando uns Magos de Oriente veñen ata as nosas aldeas, vilas e cidades para deixar agasallos polas portas. Mais a rapazada tamén sabe que antes de chegaren aos fogares, déixanse ver polas rúas en carrozas máis ou menos vistosas desde as que -axudados de paxes- tiran caramelos. Logo, as súas maxestades adoitan chegar a un punto no que se sentan en reais asentos e escoitan os últimos pedimentos de nenos e nenas que se achegan a eles cheos de ilusión, de esperanza e con moitos nervios. Nalgúns sitios mesmo xa lles teñen un regaliño alí mesmo.
Os nenos e nenas das familias abaixo asinantes non esperaban agasallo ningún da man dos Reis, nin que houbese unha selección de caramelos variados sen glute e aptos para alérxicos, nin sequera lles apetecía ir falar directamente cos Magos… Mais aínda con tan poucas aspiracións, a realeza do goberno municipal de Ames conseguiu debuxar nas súas cariñas a frustación e a decepción. Non lles foi difícil: Esperaron 40 minutos en Bertamiráns o retraso das súas Maxestades que lles dedicaron escasos 4 segundos , o tempo en que un deles lanzou un puño de caramelos para seis rapaces (dous por cabeza!). Isto para os máis próximos á rúa, porque os de segunda fila xa non os cheiraron. Mais o peor foi a posta en escena: un tren turístico de aluguer, sen decoración acaída para a ocasión, levaba dentro a tres Reis e uns cantos paxes remexidos, que non nos deu tempo a contar, escoltado por dous coches da policía local ( cuxas luces facían o máis vistoso dunha cabalgata de un só vehículo). Nin se molestaron en cortar o tráfico, cunha velocidade que se achegaría aos 30 km. por hora cruzaron Bertamiráns en escasos minutos e chegaron a un desanxelado pavillón municipal no que por todo escenario había unha bancada iluminada por uns focos. Pero o peor foi oír a unha das nosas cativas: eu coñezo a Baltasar!! é el, o meu adestrador de atletismo! Unha pouca borra na cara non disimulaba ningunha das súas faccións e xa era imposible remedialo…
Ante tanto desleixo e tan pouco respecto polos contribuíntes, mellor lles sería aos señores gobernantes do noso concello mandar unha nota dicindo que, por exemplo, por mor da crise, este ano non había cabalgata. Polo menos non habería frustración en Ames nunha noite máxica coma o do 5 de xaneiro.
Familias Aguín Limón, Barreiro Caruncho e Formoso Pérez
(Ames)
Ningún comentario:
Publicar un comentario