-Melchor, Gaspar e Baltasar serán recibidos na Casa da Cultura, polo alcalde para iniciar despois o percorrido polas rúas da vila. A cabalgata rematará no pavillón de Deportes, e en caso de choiva o percorrido será no pavillón número 2 do recinto feiral Semana Verde
Os Reis Magos chegan o vindeiro domingo ao municipio de Silleda para vivir cos nenos e nenas outra xornada de ilusión. Melchor, Gaspar e Baltasar arribarán á Casa da Cultura ás 17.45, onde serán recibidos polo alcalde, Manuel Cuíña, e a Corporación Municipal ao son da Banda Xuvenil de Silleda.
Despois comezará o tradicional percorrido da Cabalgata, integrada por 3 carrozas. Ademais da comitiva real, participan os cabaleiros da Asociación Tras do Balo, de Silleda. Sete xinetes acompañarán aos Magos de Oriente, indo cada un dos protagonistas acompañado por séquitos de paxes. En total participan 60 nenos e nenas. A choiva de caramelos sin gluten tampouco faltará neste percorrido.
A cabalgata organizada dende a Concellaría de Cultura, que dirixe Margarita Campos, discorrerá polas rúas Progreso, Avenida do Parque, María Colmeiro, Venezuela e rematará no pavillón muncipal de Deportes César González Fares.
En caso de choiva, haberá recepción na Casa da Cultura e despois toda a comitiva trasladarase ao pavillón número 2 do recinto feiral Semana Verde. Hoxe mesmo celebrouse a última reunión para ultimar os preparativos da cabalgata.
Dende a organización, agradécese a participación da Banda Xuvenil de Silleda, a asociación de cabaleiros Tras do Balo e de todas as persoas que colaboran de xeito voluntario con esta actividade, coa que remata a programación de Nadal.
Durante a xornada dominical tamén se entregarán os premios do Concurso de Escaparates de Nadal e o da Participación Lectora, outorgado pola biblioteca e que entregará a concelleira de Cultura.
Ningún comentario:
Publicar un comentario