Teo - Psoe Teo - O concello deixa de crecer e perde habitantes

TEO XA NON É UN CONCELLO QUE MEDRA: 512 PERSOAS MENOS NUN ANO
Tras coñecer os datos do Padrón municipal de Teo a 1 de xaneiro de 2013, os Socialistas de Teo amosamos a nosa preocupación pola escandalosa baixada de habitantes, que pasan de 18.454 en 2012 a 17.943 no 2013, 512 persoas menos nun só ano.

O padrón de habitantes é fundamental para coñecer o estado socioeconómico dun concello, que agora mesmo deixou de ser atractivo para a xente, nin polos servizos prestados nin polo mercado laboral. 

O dato da poboación do termo municipal é básico para determinar os recursos municipais en impostos, e incluso se temos en conta a reforma da administración local recentemente aprobada que recorta servizos nos concellos de menos de 20.000 habitantes.

Polo tanto, o obxectivo de medrar por riba dos 20.000 habitantes que non hai tanto tempo o goberno de Noriega sinalaba como moi próximo, agora transformouse nunha cifra moito mais ampla, en concreto 2.058 habitantes.

Os datos asustan. En comparación coa media de Galicia, que baixou un 0,56 %, en Teo a porcentaxe da baixada é dun -2,77%. Ademais, esta baixada de habitantes de Teo supón case un 9% da baixada do total da provincia da Coruña.

En comparación co outro concello de referencia na comarca, Ames, este continúa a medrar, 358 habitantes mais, e acada un crecemento desde o ano 2007 de mais dun 20%, mentres que Teo queda nunha porcentaxe de case un 3% no mesmo período. Estamos a falar de dous concellos con poboación moi similar no ano 1996, aínda que Teo tiña 600 habitantes mais que Ames.

Os diferentes ritmos de crecemento en relación co outro concello medio da comarca, Ames, polo tanto foron sempre moi marcados, pero en 17 anos nunca ocorrera que Teo perdera poboación, feito agravado pola cifra tan elevada.

Respecto ao resto da Comarca de Compostela, Teo é o concello que mais poboación perde, tanto en termos absolutos como de porcentaxe, mentres medran aparte de Ames, concellos como o de Brión ou o de Santiago.

Uxía Lemus, concelleira socialista, sinala que “estes datos indican que non se están a facer ben as cousas desde as administracións públicas incluíndo ao goberno municipal de Teo. Xa non podemos vender que somos un concello que medra, xa non somos atractivos. É o tema fundamental da axenda política para Galicia pero agora ademais o é para Teo, que se “estrea de forma destacada” nun tema gravísimo”.

Ningún comentario: