-A Concellería de Turismo destaca que a grande maioría dos visitantes chegaron a través de grupos con visitas organizadas
O mosteiro de Carboeiro recibiu dende a primeira semana de novembro e ata o pasado día 12 de decembro un total de 1.019 visitantes. Este cómputo coincide co axuste horario de inverno e coa incorporación do guía turístico, bolseiro de Feuga, que dende principios do mes pasado realiza visitas guiadas.
Dende a Concellería de Cultura e Turismo, que dirixe Margarita Campos, explícase que a grande maioría deses máis de 1.000 visitantes corresponde á visita de grupos organizados. Excursións, o programa provincial para maiores ou outras expedicións turísticas foron na súa maioría a orixe destas visitas grupais, que acostuman a aumentar nestas datas en detrimento das de particulares.
“Pese á reducción horaria, tendo en conta o descenso de visitas particulares durante estes meses de inverno, o balance é satisfactorio”, sinala a concelleira. Dende o pasado 1 de novembro, o mosteiro está aberto ao público os xoves e venres, de 12.00 a 16.00 horas e o sábado domingo e festivos, de 11.00 a 17.00 horas. Aínda así, dende a Concellería explícase que houbo casos de visitas de grupos concertadas previamente nos que se abriu o mosteiro fóra deste horario.
Por outra banda, en días pasados veñen de rematar as tarefas de limpeza e mantemento do mosteiro, outra das apostas do goberno municipal para continuar poñendo en valor a grande xoia turística e patrimonial do municipo de Silleda. A retirada da grande cantidade de maleza que invadía as dependencias monacais, sumouse tamén as tarefas para a substitución de tellas e da carpintería interior que estaban moi danadas polas filtracións de auga e humidade.
“Era unha necesidade urxente facer estes arranxos para conservar as instalacións e ofrecer a imaxe que se merece o mosteiro”, engade Margarita Campos. Dentro desta actuación de mellora tamén se dotou ao mosteiro dun punto de recepción a visitantes, nun pequeno espazo dentro das antigas cociñas do mosteiro.
“Queremos mellorar a calidade na atención aos milleiros de turistas e visitantes que se achegan cada ano a coñecer Carboeiro”, engade Campos.

Ningún comentario:
Publicar un comentario