s escolas unitarias de Mesía celebran o seu Día da Árbore cunha prantación de castiñeiros e unha visita guiada na Fraga de Visantoña 14-04-2012.- Os nenos e nenas das escolas unitarias do Concello de Mesía, situadas nas parroquias de Mesía, de Olas e de Visantoña, celebraron o seu Día da Árbore nunha das paraxes forestais de maior valor natural de Mesía e de toda a comarca: a Fraga de Visantoña. O alumnado foi acompañado no traslado á fraga polas súas mestras, unhamonitora municipal e a concelleira de Educación, Pilar Sánchez Ulloa. Alí agardábanos varios profesionais do Distrito Forestal de Ordes, co seu xefe Javier Lara á cabeza. Foron eles quen lles expuxeron de maneira moi didáctica as características do ecosistema da fraga e a necesidade de preservalo, coidalo e potencialo, porque ten unha gran riqueza natural pero precisa de moito equilibrio para sosterse. As explicacións serviron para que os pequenos aprendesen importantes nocións e conceptos sobre a natureza, como a relevancia das árbores para a vida. Tamén para que fosen máis conscientes dos perigos que supoñen os incendios forestais para o conxunto do ecosistema. Durante a visita, todos os escolares, incluso os de tres anos, prantaron castiñeiros nunha das ladeiras da fraga, axudados pola brigada forestal. Todos puxeron especial coidado na tarefa, coa esperanza de que as árbores prendan e medren para que o día de mañá, cando sexan máis grandes, poidan vir a recoller castañas á fraga. Despois do intenso traballo, ao final da mañá descansaron un pouco e comeron á sombra das árbores máis grandes, sentados no propio chan. Un dos momentos de maior emoción para os nenos e nenas das unitarias foi a posibilidade de contemplar de cerca un lagarteiro que un dos axentes forestais capturara na fraga. Antes de liberar de novo a ave, fixáronse en cada detalle da súa cabeza, o seu pico, a súa plumaxe e as súas patas. O axente explicoulles ás características da especie (que come, como e onde cría, onde aniña...) e o respecto que merece para que non se extinga. O Concello de Mesía, que organizou esta actividade xunto coas escolas unitarias, agradece a colaboración do Distrito Forestal nesta xornada e o magnífico labor que fixeron os profesionais que se desprazaron ata a Fraga de Visantoña para que aos nenos e nenas lles resultase tan entretida e didacticamente proveitosa a visita.
Mesía – o día da árbore nas escolas unitarias
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario