AMES - CONCURSO ESCAPARATISMO


Ponse en marcha a quinta edición do curso de escaparatismo

[02/11/2010] A concellaría de Promoción Económica organiza por quinto ano consecutivo un curso de escaparatismo dirixido aos comercios de Ames, e que coma sempre, ten carácter gratuíto. Este ano vólvese a repetir a novidosa fórmula posta en marcha durante a edición anterior. Deste xeito mantense o carácter individualizado desta acción formativa. Todos os establecementos que estean interesados en participar neste curso deben darse présa para apuntarse porque as prazas son limitadas. O prazo de inscrición estará aberto dende o 1 ata o 13 de novembro. Este curso será impartido pola empresa Ela Interiorismo que se encargará de dar a coñecer as técnicas máis innovadoras para deseñar escaparates.
O Concello de Ames, coa chegada da tempada de Nadal, pon en marcha todos os anos diferentes iniciativas co fin de dinamizar o sector comercial amiense. Unha destas accións é o curso de escaparatismo que se organiza co fin de que os propietarios dos establecementos comerciais de Ames adquiran coñecementos e técnicas de escaparatismo para poder poñelas en práctica nos seus propios comercios. O escaparate é un elemento primordial na tenda e require dunha atención especial. A través deste elemento visual trátase de captar a atención do cliente para transmitirlle unha mensaxe, unha emoción e incitalo a comprar nese establecemento. Todos os comerciantes deben saber que decorar de xeito atractivo o seu escaparate é fundamental para captar á clientela.

O curso de escaparatismo seguirá a mesma liña que na edición anterior. Deste xeito mantense o carácter individualizado desta acción formativa. A empresa Ela Interiorismo, que se encargará de impartir este curso, visitará un por un aos dez comercios inscritos. Para iso, o primeiro paso será poñerse en contacto cos comercios participantes para facer un estudio previo do seu escaparate e do local, para posteriormente resolver as dúbidas que teña o empresario e mellorar a imaxe do seu escaparate.

Neste curso, a especialista en interiorismo analizará os escaparates dos diferentes locais adscritos ao curso, estudará as súas posibilidades, transmitíndolle ao empresario as nocións básicas para desenvolver un bo escaparate e as ideas que se poidan levar a cabo nas súas próximas montaxes. Analizaranse os puntos febles e traballarase sobre eles. Tamén se contestará a todas as dúbidas na cuestión de aproveitamento, exposición de mercancía, materiais, formas de montaxe, etc, que poida ter o empresario ou a persoa encargada.

Fases do curso
O curso divídese en tres fases. Na primeira realízase unha visita ao local para coñecer o comercio e o produto que ofertan, poder visualizar o escaparate e coñecer os puntos tanto febles como fortes. Explicaranse todos os puntos básicos para a montaxe e responderanse aquelas dúbidas que o empresario expón á interiorista. Por último tamén se analizaran as ideas que se poderían desenvolver no seu escaparate, sobre todo cara a campaña de Nadal.

Na segunda fase realízase un estudo sobre como poder explotar ese escaparate e sacarlle o maior proveito, e desenvolverse as ideas para realizar as posteriores montaxes, e a práctica que se fará na terceira fase. Xa por último, na última fase, realizarase de forma práctica, a decoración destinada ao posterior montaxe do escaparate, coas explicacións correspondentes para traballar os materiais máis utilizados nos escaparates. Nestas clases acabaranse de concretar as ideas estudadas na segunda fase, para cada empresa.

Para realizar esta fase práctica o Concello porá a disposición dos participantes un local onde poder crear e elaborar os elementos destinados á decoración dos escaparates da campaña de Nadal 2010. Este local o ano pasado estivo situado na localidade de Bertamiráns e este ano estará no Milladoiro.

Todos os interesados deben darse présa en inscribirse porque ofértanse un total de 10 prazas para participar nesta acción formativa. Aqueles comerciantes interesados poden presentar a folla de inscrición nas oficinas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro en horario de 9:00 h. a 14:00 horas de luns a venres. O prazo está aberto dende o 1 de novembro ata o 13 do mesmo mes. As clases levaranse a cabo entre o entre o 15 de novembro e o 3 de decembro.

Esta acción formativa organizase como un paso previo ao concurso de escaparatismo que comezará a comezos de decembro e no que todos os comerciantes de Ames que desexen participar deberán decorar os seus escaparates de xeito orixinal e rechamante para optar a un dos tres premios económicos que se ofrecerán. Nos vindeiros días darase máis información sobre a quinta edición do concurso de escaparatismo.

A concelleira de Promoción Económica, Úrsula Seijas, explicou que "tendo en conta os bos resultados e o nivel de satisfacción acadada coas innovacións introducidas na edición do ano pasado, mantense o carácter individualizado desta acción formativa, que ano tras ano repetimos ao tratarse dun eslavón esencial do proceso de ventas. Deste xeito tentamos mellorar na calidade e tiramos maior proveito dos contidos impartidos, deseñados co obxectivo de poñer a disposición dos e das comerciantes de Ames os coñecementos e as técnicas máis novidosas no deseño e montaxe de escaparates".

Ningún comentario: