AYUNTAMIENTO DE AMES


O Concello investirá máis de 300.000 euros nos plans de conciliación e nas actividades educativas de reforzo

O Concello de Ames vén desenvolvendo nos últimos anos un amplo abano de actividades culturais e educativas, así como un programa que permite a conciliación laboral e familiar de todos os pais e nais amienses. Moitas delas realízanse no IES de Ames por dispor dunhas instalacións axeitadas para organizar este tipo de actividades. Este proxecto educativo dispón dun orzamento total de 323.888,57 euros. Para desenvolver este programa de actividades acordouse solicitar unha axuda á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria co fin de sufragar o custe integro do proxecto.

Ames foi un dos concellos pioneiros de Galicia á hora de poñer en marcha o programa de lúdicos e servizos complementarios de educación. Este proxecto desenvolveuse ante a necesidade de atender as demandas dunha poboación eminentemente nova. Ames ten unhas característica demográficas que defiren da maior parte dos municipios galegos. Existe unha poboación en continuo crecemento e cun baixo grao de envellecemento. Hai que salientar que a media de idade do territorio municipal é de 37 anos. A estrutura poboacional deste concello fai necesario que se oferten diversos tipos de actividades educativas, culturais, deportivas e sociais dirixidas principalmente aos nenos/as e a mocidade amiense.

Dende o curso 2003 - 2004 a Consellaría de Educación asumiu ese reto e puxo en marcha numerosos servizos dirixidos a ese grupo social. Un claro exemplo disto son os programas que se levan a cabo coincidindo co calendario escolar como son o programa Bos Días Cole, o servizo da Rede de Comedores Escolares e o programa Tardes Divertidas. Ao mesmo tempo tamén se realizan actividades en períodos non lectivos, como os programas lúdicos (Primavera lúdica, Xuño lúdico e Setembro lúdico). Ademais no ano 2008 a Concellaría de Mocidade tamén puxo en marcha nos centros educativos de Ames diversos programas para mellorar o éxito escolar e para a prevención do absentismo escolar.

Estas iniciativas non son formuladas como accións puntuais, senón que están dentro dun programa educativo integral e estase a garantir a súa continuidade temporal a medio prazo. Para isto, o goberno municipal decidiu solicitar unha axuda á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, para sufragar todas as actividades que se enmarcan dentro do programa de apertura dos centros educativos públicos fóra do horario lectivo.

Proxecto educativo
O proxecto educativo elaborado para este fin divide as actividades en catro apartados. O primeiro abarca actividades relativas aos programas de Bos Días Cole, Comedores, Tardes Divertidas, charlas orientativas sobre alimentación infantil, impartidas pola nutricionista municipal, e un obradoiro de expresión artística e comunicación. Estas actividades teñen un custo de 211.586,57 euros.

A segunda modalidade do proxecto abrangue actividades para o reforzo da aprendizaxe a través das TIC. Para iso vanse realizar actividades de apoio educativo e varios obradoiros para mellorar o apoio educativo e sobre as aplicacións informáticas e as novas tecnoloxías. Tamén inclúe unha charla – coloquio sobre as redes e contidos educativos para pais e nais. Estas actividades teñen un custo de 11.802 euros.

O terceiro apartado, relativo as redes de apoio á orientación educativa recolle espazos de encontro para a educación e charlas sobre habilidades sociais. Por último, o cuarto apartado abarca as actividades de conciliación da vida familiar en períodos non lectivos (programas lúdicos celebrados en primavera e nos meses de xuño e setembro) e a escola de verán que se desenvolve durante os meses de xullo e agosto. Este apartado ten un custo de 100.500 euros.

Este proxecto ten un custo total que ascende a 323.888,57 euros. Para desenvolver este programa de actividades acordouse solicitar unha axuda á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria co fin de sufragar o custe integro do proxecto.

IES de Ames
Para poder desenvolver estas actividades o Concello de Ames vén de asinar un convenio coa directora do IES de Ames, Marisol Louro. Mediante este acordo a Administración local poderá usar as instalacións deste centro educativo fóra do seu horario lectivo, co fin de que estas aulas acollan as diferentes actividades culturais e educativas que ten en marcha o Concello. O convenio recolle unha compensación económica de 19.000 euros a este centro educativo para sufragar os gastos que lle ocasionen ás actividades programadas ata o mes de outubro deste ano 2010.

As instalacións do IES de Ames son idóneas para a súa utilización nas actividades desenvolvidas polo Concello, máxime tendo en conta a vantaxe que supón o feito de que se atopen todas nun mesmo emprazamento, o que facilita a xestión e evita o riscos e incomodidades que se derivarían de hipotéticos desprazamentos dos usuarios.

Estas instalacións son ademais as únicas do municipio que ofrecen as características de equipamento precisas, xa que pola súa diversidade en espazos deportivos e docentes poden albergar as múltiples actividades postas en marcha polo Concello, considerándose que non existe alternativa ás mesmas dentro do termo municipal.


Ningún comentario: