Mañá luns 18 de xaneiro ás 20 horas o Ateneo de Santiago ten programada na Rúa do Vilar, 19 de Santiago de Compostela unha conferencia organizada pola Sección Sociedade Civil titulada “Morte digna: a situación en Galicia”, que estará impartida por Dª. Emilia Irimia, Presidenta da Asociación “Derecho a morir dignamente”, e Dª. Ascensión Cambrón, Profesora de Filosofía do Dereito da Universidade da Coruña.
Emilia Irimia Fernández, mestra e Licenciada en Filosofía e Letras, dedicou a súa vida profesional ao ensino, impartindo docencia en Educación Primaria, Educación de Adultos (modalidade presencial e radiofónica) e Educación Secundaria. Foi coautora de diferentes textos para o ensino de Lingua Galega e Educación Medioambiental. Actualmente, xa xubilada, dedícase a colaborar coa DMD divulgando os obxectivos desta asociación.
Ascensión Cambrón Infante, Licenciada en Filosofía e Letras pola Universidade de Barcelona (1975) e Doutora en Filosofía pola Universidade de Santiago (1987), é Profesora Titular da Universidade de Filosofía do Dereito na Facultade de Dereito da UDC (1990). As súas liñas de investigación son as claves teoréticas do pensamento ilustrado e liberal e a bionomía xurídica (análise das incidencias dos avances biomédicos nas normas xurídicas que regulan as intervencións sobre o corpo dos seres humanos, cidadáns/ás). Estas reflexións teñen como referente substantivo o discurso dos dereitos fundamentais recoñecidos na C.E., de 1978. Encol destas coordenadas teoréticas xira o conxunto das súas publicacións e participacións en Cursos, Seminarios e Masters impartidos en diversas universidades españolas, europeas e latinoamericanas. Participou nas Xornadas ¿Creer o curar? El debate bioético entre Medicina y religión, dirixido polo Dr. Camilo Cela Conde na Universidade de Palma de Mallorca (2008); nas Xornadas Posiciones éticas laicas desde la Bioética, dirixido pola Dra. María Casado na Universidade de Barcelona (29-30 de setembro de 2011); e nas Xornadas Bioethics Religion and Democracy, dirixido polo Dr. Nikolaus Xirotiris na Universidade de Thessaloniki (Grecia) (18-21 de Maio de 2012).
Ningún comentario:
Publicar un comentario