Alternativa X Padrón - Desidia e falata de actuación no goberno municipal

Alternativa por Padrón (en diante AxP) presentou no rexistro do Concello de Padrón dúas mocións para o seu debate no vindeiro pleno ordinario do 28 de xaneiro.

A primeira delas afonda no que consideran unha situación irregular no tocante á solicitude, adxudicación e execución do Campo de Traballo Internacional “Padrón no Camiño” levado a cabo no pasado mes de xullo de 2015. A formación política considera que o papel do concello foi de intermediario solicitando fondos públicos á administración autonómica para adxudicarllos directamente a unha entidade privada local; neste proceso, foi pouca a publicidade e promoción realizada, dubídase da execución dalgúns aspectos contemplados na memoria inicial e para sorpresa de AxP o pago da factura polo servizo será feito directamente da Xunta de Galicia á entidade adxudicataria. Non entenden o papel de intermediario do Concello que nin sequera soubo aproveitar os beneficios que esta interesante actividade podería reportar á nosa vila.

A segunda moción fai pública a situación das vallas publicitarias instaladas no campo de fútbol de O Souto (campo do Flavia); as empresas que as instalan cobran ás anunciantes pola publicidade e sen embargo o concello non ten nin acordo nin convenio nin contrato escrito establecido con elas e por tanto está a deixar pasar uns ingresos nas arcas municipais.

A formación encabezada por Cesáreo Pardal non dá crédito ao desgoberno, desidia e pasotismo coa que este goberno do PP segue a actuar e afirma que seguen a recabar información real deste modo de desgobernar Padrón.

Ningún comentario: