Producións Teatrais Excéntricas presenta de novo no Teatro Principal ‘Da Vinci tiña razón!’ do dramaturgo Roland Topor. Será con tres funcións mañá martes e de novo mércores e xoves a partir das 20.30 h. As entradas poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal que está aberto de 18.00 a 21.00 h.
Nestos tempo que corren de pesimismo este é un espectáculo para facer rir que non deixará a ninguén indiferente. É unha obra que imita, para mofarse, a forma da comedia burguesa de sofas e moble-bar. Todo acontece nunha luxosa casa de casa campo clónica inscrita nunha urbanización de nivel alto. Ao dono parece que lle vai ben na vida: é alto funcionario do estado, e recebe a visita de fin de semana do seu mais estreito colaborador, un trepa que ven para mostrar a sua nova esposa, un símbolo de status económico. Os quiméricos inquilinos compleanse co fillo dos propietarios, grande demais para que lle muden os cueiros, e unha aupair sueca que non lle importa facerllo. Os paxaros cantan, o sol brilla e todo está tan limpo que se podería comer no chan da garaxe... até que comezan os problemas: os W.C. Entupense e non hai onde ir. Os dous funcionarios teñen que mudar o seu plano de relax de fin de semana por algo máis astrinxente: son policias e o seu deber é saber de onde sae toda aquela merda. As suspeitas cruzanse, os ollos espian de perfil, os narices enruganse con desagrado, as sombras deslizanse na noite... Todo baixo a enigmática ollada da Gioconda, que parece dicir: En todo este asunto hai algo que cheira moi mal.
Roland Topor cabalga de novo na carteleira teatral galega. A obra do artista francés xa fora representada no ano 1987 pola compañía O MOUCHO CLERC dirixida por Xoán Cejudo. Con aquel espectáculo “Da Vinci levaba razón”a compañía de Cejudo mudou o aspecto grave e funerario do teatro galego e presenta ao público do país, que está a vivir os provocativos e descerebrados anos 80, a Roland Topor, mestre francés do humor negro e do surrealismo.
Roland Topor ten unha obra tintada destes dous elementos, o riso e o medo ao descoñecido. É obrigatorio chamarlle artista porque nos sería dificil escoller cal é a sua arte entre todas as artes que practicou con mestría: ilustrador, pintor, dramaturgo, humorista gráfico, cineasta e escritor.
Roland Topor como dramaturgo está incluido no grupo Pánico, con Jodorowski e Arrabal, os camaradas que lle sobreviviron. Debemoslle pezas como a lírica e ridícula “Un inverno debaixo da mesa” e a nosa “Da Vinci tiña razón” subversiva e superficial. “A cociña canibal” mereceu a atención de MOFA&BEFA, aínda que inicialmente non se trata dun texto dramático. Son inesquecibles tamén os libros narrativos “As vacas negras” e “Deitarse coa raiña e outras delicias” nas que Topor explora as formas máis divertidas do noxo. Como ilustrador debémoslle uns incribles traballos para Pinochio nos anos 90. Mais na área audiovisual, que tanto ten asustado ao artista moderno é onde Topor surprende, un artista bizarro e con simpatías polo sado-maso ten un éxito case-mundial cun producto para a infancia Telechat (Ainda non comprado pola tv da Galiza) e deixa dous filmes completamente singulares, o filme de deseños animados “O planeta selvaxe” e outro con actores mascarados, o incomprendido filme “Marquis” sobre o Marqués de Sade, esa icona da cultura francesa. Como non podía ser doutra maneira, a obra de Topor interesou a Roman Polanski que fixo un filme sobre o seu romance “O quimérico inquilino”.
A fundación Luis Seoane da Coruña dedicoulle unha exposición en 2011, extraordinariamente coidada, sobre todo centrada na sua obra gráfica e audiovisual. Esta mostra, xunto co espectáculo estreado no 1987 por Moucho Clerc e a mítica “Ultranoite Topor” na Sala Nasa no 2001, son as únicas presenzas da obra de Topor en Galicia.
Cando se completan 16 anos da morte deste artista que xuntou a contracultura, o pop e a tradición surrealista, sendo o 16 un número tan pouco memorable, Producións Teatrais Excéntricas, quere adiantarse á academia Francesa e render a súa particular homenaxe a este Roland Topor, talvez o artista máis “excéntrico” da segunda metade do século XX.
Ningún comentario:
Publicar un comentario