Ames - Remata o setembro lúdico

Un Festival de rock puxo fin as actividades do “Setembro Lúdico” que este ano se desenvolveu baixo o título de “Escola de rock”. Na última xornada, os 133 rapaces e rapazas que participaron neste programa de conciliación da vida laboral e familiar tiveron a oportunidade de amosar o resultado das actividades que realizaron ao longo destes días, entre as que destacaron a customización de camisolas, os obradoiro de maquillaxe de rock e de chapas personalizadas, a batalla de cancións, o laboratorio de improvisación musical e a construción de instrumentos musicais con materiais de refugallo. Ademais nesta última xornada, os nenos e nenas do “Setembro Lúdico” recibiron a visita do concelleiro de Educación, David Santomil e da Televisión de Galicia que gravou imaxes para o Telexornal.

Os nenos e nenas amosaron as habilidades aprendidas diante das cámaras da TVG que gravaron imaxes para o Telexornal Galicia. Tamén estaba presente o concelleiro de Educación, David Santomil que se amosou encantado coa temática elixida este ano: “É importante que nestes programas se aborden temas que nas ensinanzas oficiais teñen menos cabida e eu síntome especialmente identificado coa temática elixida nesta ocasión”. Santomil falou da importancia destes programas de conciliación, cualificando ao “Setembro Lúdico” como “imprescindible para que as familias poidan afrontar a conciliación durante estes días previos ao comezo do curso escolar”. 

O concelleiro amosou tamén a intención do goberno de Ames de “consolidar e reforzar todos os programas de conciliación”. Unha familia rockeira composta polo avó Rocka, papá e mamá Rocka, Sofia Rocka, Saúl Rocka e Breixo Rocka foi a encargada de trasladar aos nenos e nenas a historia, a tradición, a estética e os ritmos do rock. A través de diversos xogos e dinámicas, os monitores de “Agora Aberta”, a empresa que se encarga da dinamización deste programa de conciliación da vida laboral e familiar, trasvestidos nesta peculiar familia de rockeiros, traballaron cos nenos e nenas a percepción, o sentido do ritmo, a improvisación, a discriminación auditiva e a melodía. 

Xogos de improvisación, competicións musicais, elaboración de instrumentos de percusión, pasarela de estrelas, dinámicas de percepción musical, traballos de ritmo, discriminación auditiva, expresión corporal ao xeito rockeiro, xogos musicais con globos, batalla de cancións, adiviñanzas de melodías, custumización de camisolas, maquillaxe de estrelas do rock, obradoiro de chapas personalizadas, deseño de portadas, laboratorio de improvisación, técnica vogal e ritmo cos pés foron algunhas das actividades que os nenos e nenas participantes do Setembro Lúdico desenvolveron ao longo dos sete días que durou o programa e que desembocaron nun “Gran Festival Ames Rock”, que foi gravado e visionado en grupo polos participantes. 

O Setembro Lúdico durou este ano sete días, desde o 1 ata o 9 de setembro, véspera da xornada na que comezan as clases oficiais nos centros educativos. Dos 133 nenos e nenas que este ano participaron no Setembro Lúdico, 77 o fixeron en Milladoiro e 66 en Bertamiráns. Non houbo listaxe de garda, dado que todas as inscricións, incluídos todos os casos de emerxencia social, foron admitidos. En Bertamiráns, os nenos e nenas desenvolveron as actividades no CEIP A Maía, mentres que no Milladoiro as actividades tiveron lugar na Escola Infantil, situada na Travesía do Porto, e no pavillón polideportivo.

Ningún comentario: