O primeiro dos concertos será o sábado 26 de xaneiro con Café Quijano que presentan no Teatro Principal o seu espectáculo ‘Orígenes: el bolero’
Despois estarán Miguel Poveda, Uxía, Ana Moura, Amancio Prada, Odaiko, Coetus&Eliseo Parra, Pradairo, Pedro Guerra, Budiño, Win Mertens e Malevaje
O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentou esta mañá a programación do ciclo Sons 2013 para os meses de xaneiro a maio. Unha variada oferta de sons con diferentes estilos, procedencias e xéneros compoñen esta oferta musical que comeza co espectáculo ‘Origenes: el bolero’ dos Café Quijano o vindeiro sábado 26 de xaneiro no Teatro Principal.
Se no primeiro concerto os boleros son os protagonistas coa presenza de Café Quijano, o flamenco collerá a testemuña no segundo coa actuación dunha das grandes estrelas deste xénero musical, Miguel Poveda que estará no Auditorio de Galicia o sábado 2 de febreiro. Os tangos tamén terán o seu momento coa actuación o sábado 25 de maio no Auditorio de Galicia, no último concerto deste semestre, dos históricos Malevaje, que farán repaso dos grandes éxitos dos seus case trinta anos de carreira.
Dúas estrelas internacionais resaltan neste primeiro semestre de Sons’13: a portuguesa Ana Moura que estreará en Galicia o seu novo disco ‘Desfado’ o venres 22 de febreiro e o belga Win Mertens, que tamén ofrecerá neste ciclo o único concerto en Galicia de presentación do seu novo disco ‘A starry wisdom’ o venres 3 de maio; ambos concertos no Auditorio de Galicia.
Outros nomes de prestixio que completan os contidos deste Sons’13 son Amancio Prada, que presenta o seu novo espectáculo ‘Libertarios’ (sábado 2 de marzo) e Pedro Guerra, que celebra nun concerto único en Galicia os seus 30 anos nos escenarios o domingo 14 de abril. Ambos actuarán no Teatro Principal, que acollerá ademais a singular proposta da orquestra de percusión ibérica Coetus, coa colaboración de Eliseo Parra, que trae a Compostela o seu último traballo ‘Entre tierras’ o mércores 13 de marzo.
A oferta galega non se queda atrás coas actuacións de Uxía, quen será protagonista o venres 15 de febreiro no Principal da primeira entrega de Cantigas de Mulleres, un proxecto inspirado no traballo da discografía Fol Música que reúne unha selección das mellores voces femininas da música galega e que proximamente traerá máis novidades; de Budiño, que ofrecerá no Principal a estrea, o primeiro concerto de presentación, do seu novo disco o xoves 25 de abril; de Pradairo que estará tamén no Principal e tamén en abril, o sábado 6, presentando o seu espectáculo ‘Pateado’; e dos compoñentes do activo e reputado grupo de percusión galego Odaiko que presentan no Teatro Principal o sábado 9 de marzo un espectáculo titulado Odaiko and friends no que colaborarán Xiana Lastra, Anxo Lorenzo, Antía Lameiro e o Coro da Rá.
Prezo e lugar de venta de entradas
As entradas para todos os concertos poderán mercarse na billeteira do Teatro Principal (aberta de martes a sábado e días do evento de 18.00 a 21.00h) e en Novagaliciabanco, tanto na web, http://entradas.novagaliciabanco.es coma no teléfono 902434443. (Os concertos de Uxía, Odaiko e Pradairo só se poderán mercar na billeteira do Principal). Ademais, os concertos que son no Auditorio de Galicia terán venta de entradas tamén na billeteira do propio Auditorio o día do concerto a partir das 18.00h.
Ningún comentario:
Publicar un comentario