Psoe Ames - Santiago Amor mentiu e ocultou información os veciños

O PSOE DENUNCIA QUE SANTIAGO AMOR MENTIU E OCULTOU INFORMACIÓN AOS VECIÑOS E AO PLENO MUNICIPAL SOBRE O COBRO RETROACTIVO DO LIXO 
O PSOE apoia a nova taxa do lixo para o rural, na que se paga polo servizo que se recibe, pero insiste en que o Concello minte cando trata de vender como unha rebaixa ou unha amortización o cobro retroactivo

José Miñones asegura que Amor “actuou como secretario xeral do PP de Ames, antepoñendo os intereses do seu partido ao benestar dos veciños de Ames” 

O grupo municipal socialista de Ames asegura que o alcalde de Ames actuou de forma cobarde, indigna e barriobajera ao aprobar por decreto o expediente do cobro retroactivo do lixo nunha Xunta de Goberno celebrada o 11 de outubro e ocultarllo de forma deliberada e reiterada tanto aos veciños e veciñas de Ames como ao Pleno municipal, máximo órgano de representación de Ames. O voceiro municipal, José Miñones, afirma que “estamos indignados coa forma que ten Santiago Amor de facer política barriobajera pois do 11 ao 21 de outubro actuou como secretario xeral do PP de Ames, antepoñendo os seus intereses políticos e de partido ao benestar dos veciños e veciñas de Ames”.

José Miñones considera que Amor actuou cunha “falta de respecto total e absoluta cara os veciños”, a quen ocultou información durante máis de doce días. Así, na tarde do 8 de outubro, Tesourería do Concello de Ames emitiu as liquidacións do cobro retroactivo do lixo a máis de 4.400 familias do rural de Ames. Esa mesma noite, nunha reunión da Plataforma do Lixo á que non acudíu ningún concelleiro do PP (pese a estaren nominalmente convidados e teren confirmado asistencia) se acordou solicitar unha mesa de negociación. Un día despois, o 9 de outubro, Santiago Amor delega na Xunta de Goberno local a aprobación do decreto.

Cronoloxía
Cando o 10 de outubro a Plataforma pide a Mesa de Negociación, Santiago Amor responde nos medios que están dispostos a revisar esta petición, máis ás 9:00 do día seguinte (11 de outubro), a Xunta de Goberno resolve as liquidacións. “Este é a forma de dialogar que ten o señor Amor”, ironiza José Miñones. Ese mesmo día (11 de outubro) houbo reunión dunha comisión de asuntos do pleno, na que o PP non informou do decreto.

“O 17 de outubro houbo un pleno extraordinario no que se desestimaron as alegacións da Plataforma e vostedes non lles dixeron que xa estaban liquidadas. Calou na comisión, calou nas informacións que se publicaron na páxina web sobre esa Xunta de Goberno, calou na prensa e calou nos mítines no rural. Isto non é máis ca un exercicio de cobardía e de ocultación da verdade”, conclúe Miñones.

O PSOE de Ames considera que a trasparencia aducida polo Concello de Ames na aprobación deste decreto é unha farsa pois os decretos non chegaron ata o martes 23 de outubro, 12 días despois. E as actas da Xunta de Goberno se entregaron onte xoves 25 de outubro ás 12:30 da mañá.

A favor da taxa
Finalmente, os socialistas están de acordo coa nova taxa do lixo, na que cada veciño paga polo servizo que recibe. Sen embargo, consideran que Amor “comeza a crerse as súas propias mentiras. Nin se rebaixa nada, nin se amortiza nada, só é unha taxa xusta por un servizo que se presta”, explica José Miñones. Neste sentido, indica que “cando din que van a rebaixar un 50% a taxa, o que fan é confundir e mentirlle á cidadanía. Cobran o que a lei establece, nin máis nin menos. Vender como rebaixa aquilo ao que obriga a lei é mentir e, recoñecer que se vai cobrar o dobre no caso do cobro retroactivo do lixo”. 

Ademais, insiste en que “non hai ningún tipo de amortización, simplemente se paga polo servizo que se recibe. Aquí non hai ningunha solución ao cobro retroactivo, senón unha mostra de que o alcalde nunca se sentou a dialogar en serio cos veciños”. O PSOE reitera que o Concello de Ames está obrigado a cobras esa taxa polo Artículo 7 da Lei de Taxas e Prezos Públicos, que establece o principio de equivalencia a través do que se dispón que as taxas tenderán a cubrir o custe do servizo. 

Un principio reforzado polo Artigo 24 da Lei Reguladora das Facendas Locais, que recolle que o coste do mantemento do servizo debe ser acadada cos ingresos derivados da recadación das taxas devengadas pola súa prestación, polo que tamén é un tope que non pode ser sobrepasado xa que a taxa non é, como poden ser os impostos, un tributo apto para a satisfacción de necesidades públicas indefinidas, senón un casualmente vencellado ao mantemento dun servizo público concreto. 
Por último, os Socialistas de Ames volven a negar que fose o anterior Goberno o que iniciou este conflito do lixo no municipio, tal e como afirma Santiago Amor. Proba disto son os distintos informes presentados polos técnicos municipais nos que deixan ben claro que o cobro retroactivo foi iniciado coas notificacións que enviou o alcalde Santiago Amor. De feito, nin no contrato nin en ningún documento oficial do Concello de Ames aparece que o anterior Goberno fose a cobrar a taxa do lixo con carácter retroactivo, como sí resolveu facer por decreto o pasado 11 de outubro o Goberno de Santiago Amor.

Ningún comentario: