Pilar Candocia: "Espero que o goberno non se esqueza das nenas e nenos celíacos, e que se manteñan os criterios de integración na campaña de Nadal do Concello de Ames"
(Ames, 10.12.2011). O BNG de Ames vén de solicitar ao goberno municipal que os caramelos e outras lambetadas utilizados nas campañas de Nadal (cabalgatas dos Reis Magos e outras) sexan aptas para as persoas con intolerancia ao gluten. O BNG rexistrou esta mañá un escrito para que se teña en conta ás persoas que padecen esta enfermidade nas actividades dirixidas á infancia nestas datas.
O Concello de Ames ten unha importante traxectoria nas políticas de integración de persoas con este tipo de enfermidade. Neste sentido os comedores escolares municipais realizan un xantar xeral apto para as persoas que teñen intolerancia ao gluten o Día nacional do celíaco. Estes actos teñen moito valor tanto para a propia consideración das persoas que padecen a enfermidade como para o conxunto da sociedade, demostrando que se pode facer unha vida totalmente normal sen ter que renunciar a ningún tipo de actividade.
Estas medidas cumpren unha función por unha parte de prevención e por outra educativa. É importante apreciar o seu valor de integración, para que estas rapazas e rapaces non se vexan discriminados e alleos a parte da celebración, así como o valor educativo, de solidariedade e concienciación sobre a importancia dunha correcta alimentación para o conxunto das nenas e nenos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario