AYUNTAMIENTO DE OROSO

O CONCELLO DE OROSO PROMOVE UN NOVO CURSO DE FORMACIÓN NO MARCO DA AULA MENTOR

Ofrécese aos orosinos a posibilidade de actualizar o seu perfil profesional con coñecementos en ferramentas de sofware libre

22 de febreiro de 2010.- O Concello de Oroso vén de informar da ampliación da súa oferta formativa cun novo curso formativo: Autoedición con Scribus, cunha certificación de 90 h. Esta actividade inscríbese no marco da Aula Mentor “Educaoroso”, que pon a disposición dos veciños e veciñas de Oroso a posibilidade de ampliar os seus coñecementos.

Neste novo curso, en concreto, trabállase a publicación e maquetación de documentos. O obxectivo deste curso é dar a coñecer as prestacións do software de edición Scribus, moi útil para crear grande variedade de documentos como formularios e imprimir en diferentes formatos (dixitais, pdf e exportación de arquivos).

Con Scribus pódense crear calquera tipo de documentos e publicacións: murais ou posters, fichas de traballo, carteis, dípticos, trípticos, folletos, e-books (libros e revistas electrónicas), xornais ou revistas impresas. O curso destínase a persoas interesadas en introducirse no mundo da autoedición utilizando software libre con funcións avanzadas para o deseño de páxinas, manexo de bloques de textos, tratamento de imaxes, utilización de estilos, etc.

Para o seu eficaz aproveitamento requírense coñecementos previos -a nivel de usuario- do sistema operativo dende o que se traballe (Windows, Linux) , así como familiarización co uso dalgún procesador de textos. Ademais, resulta conveniente -aínda que non imprescindible- o coñecemento de utilidades de deseño gráfico de traballo con capas.

Con esta oferta formativa, o Concello de Oroso pretende facilitar aos veciños e veciñas do municipio a oportunidade de actualizar o seu perfil profesional, potenciar o seu acceso ao emprego e aumentar a súa formación básica. A Aula Mentor de Oroso conta con máis de 130 cursos que, unha vez superados, dan dereito a unha certificación de aproveitamento emitida pola Consellería de Educación e o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.

Ningún comentario: