BNG A Estrada - Sobre a reforma electoral

Se o PP aproba reforma electoral demostra que ten medo a perder o poder
Que unha candidatura sexa a máis votada non quere dicir que teña a maioría dos votos

O BNG da Estrada, a través do seu concelleiro Xosé Magariños, anunciou que votará en contra da moción que presenta o PP sobre a reforma electoral, que permitirán que goberne a lista máis votada. O concelleiro nacionalista afirmou que “coa presentación desta moción o PP e en concreto o alcalde demostran que teñen medo a perder a alcaldía, un medo que podemos extrapolar a todo Galiza por mor das políticas brutais de recortes que están a levar a cabo na Xunta e no goberno central”.

“É curioso que o PP da Estrada non se presta a presentar mocións que segundo eles non incumben ao concello”, engadiu Magariños, “mais desta volta vese que si incumben, non a institución, senón as poucas posibilidades que teñen de manterse no poder despois das eleccións municipais de 2015”. “Temos que recordar, que o PP da Estrada consigeu o concelleiro que lle deu a maioría absoluta polos pelos, en disputa precisamente co BNG por apenas unha ducia de votos”, explicou o concelleiro nacionalista, “e tendo en conta o pésimo mandato que leva o alcalde, non é de estrañar que se agarre a esta moción e a reforma electoral que plantea o PP sexa para el como auga de maio”.

O concelleiro do BNG, Xosé Magariños, explicou que ser a candidatura máis votada non quere dicir que se teña a maioría dos votos, “xa bastantes distorsións ten a lei D'hondt, que favorece sempre á candidatura que máis votos ten, para engadirlle a reforma electoral que plantea o PP, que o único que busca é perpetuarse no poder”. “Así por exemplo”, engadiu o concelleiro do BNG, “se analizamos os resultados das eleccións de 2011 vemos por exemplo que o BNG e o PSOE conseguiron 166 votos máis que o PP, pero a lei D'Hondt deulle a maioría absoluta ao PP”.

Para o concelleiro nacionalista nesta reforma electoral do PP “hai unha tentativa de lexitimación de concesión dun poder absoluto a órganos unipersoais, reforzando o presidencialismo e con iso restando pluralidade política que hai na sociedade e favorecer que unha parte minoritaria poida gobernar ao seu antollo, a través dun/unha alcalde/esa elixido/a directamente, aínda que o seu apoio popular nas urnas sexa minoritario.”

“O pobo da Estrada non pide esta reforma”, afirmou o concelleiro do BNG, “o único que busca o PP é perpetuarse no poder con trécolas; a xente o que pide é aprobar medidas que incidan na participación directa (favorecer consultas cidadás ou referendos, orzamentos participativos, transparencia na xestión) e tamén no funcionamento dos órganos colexiados representativos (máis competencias a plenos, publicidade inmediata das xuntas de goberno locais, transparencia na contratación) que ir no camiño dun reforzo personalista de alcaldes/esas, pois iso restrinxe claramente a democracia.”

“Temos que recordar”, explicou Magariños, “que o sistema electoral en todos os niveis é de elección indirecta, elíxense representantes nas cámaras lexislativas e estes escollen gobernos; tamén nos concellos está mesmo reforzada esa elección ao impor xa a lexislación electoral que só poden ser candidatos/as á Alcaldía as persoas cabezas de lista. Mesmo se non hai maiorías absolutas, xa é designado directamente como alcalde/esa a persoa candidata da lista máis votada nas eleccións. Xa que logo, hai mecanismos de vinculación directa entra o que vota o electorado e a designación de alcalde/esa. Aprobar a elección directa de alcaldes/esas sería unha decisión allea ao sistema electoral actual, que tamén se debería, segundo esta lóxica, estender a outros ámbitos negados e de especial relevancia como é o caso da Xefatura do Estado (Monarquía), por exemplo.”

Ningún comentario: