Dada a deriva política do Concello de Santiago de Compostela e sendo conscientes da nula intención de arranxar a situación dunha forma democrática, a Asemblea Cidadá de Compostela, formada de urxencia ao carón dos feitos por veciñas e veciños da cidade e colectivos sociais, convoca unha concentración e unha manifestación o día da toma de posesión do novo alcalde non-electo, o segundo que temos que aturar nesta lexislatura.
A concentración terá lugar o martes 8 de xullo ás 11:30 ás portas do Pazo de Raxoi, coincidindo co Pleno Extraordinario no que se ratificará, previsiblemente, ao novo rexidor Agustín Hernández, colocado a dedo por Feijóo tras a forzada dimisión de Ángel Currás.
En relación con este acto concreto, aproveitamos este comunicado para amosar o noso desacordo cas vías e prazos que a lei marca para a publicidade de decisións de tanta importancia: no caso que nos ocupa, o anuncio público deste Pleno Extraordinario pode facerse con tan só 48h de antelación. Este cortísimo prazo anula na práctica o dereito da cidadanía a acudir aos Plenos e, o que é máis importante, a súa capacidade de reacción para protestar por esta intolerable situación política.
A manifestación convócase ese mesmo día pola tarde, ás 20.30h e saíndo da Praza do Toural, precisamente darlle a oportunidade de asistir a toda esa xente indignada coa situación actual do Concello compostelán á que as súas ocupacións laborais e persoais non lle permiten acudir á concentración das 11.30h.
Medidas contra a corrupción
O obxectivo da Asemblea Cidadá non é só a mobilización na rúa. O traballo realmente importante será o desenvolvemento colectivo dunha serie de medidas concretas que axuden a previr, detectar e castigar a corrupción, un mal que semella xa endémico nos despachos de Raxoi.
Un observatorio cidadán contra a corrupción, o control democrático do gasto público, a modificación e actualización dos regulamentos do Concello ou o desenvolvemento participativo dos orzamentos municipais son algunhas das ideas que están xa sobre a mesa. Convidamos á veciñanza a participar desta labor, a implicarse para recuperar o dereito a decidir como quere que sexan a súa cidade e a súa vida. Toda persoa interesada pode contactar con nós a través do correo accompostela@gmail.com, pola na nosa páxina de Facebook (https://www.facebook.com/accompostela?fref=ts) ou vía Twitter (@https://twitter.com/ACCompostela).
Ningún comentario:
Publicar un comentario