BNG Touro - Esixencia de dimisión do primeiro tenente de alcalde

O BNG de Touro esixe a dimisión do tenente de alcalde, Eugenio Montero, tras a condena a devolver o seu salario a Alimentos Lácteos
De non dimitir, o BNG esíxelle ao alcalde que o cese xa que Touro non pode ter un tenente de alcalde que lle dicía aos veciños que non había cartos na empresa para pagarlles o leite mentres el os cobraba ilicitamente 

Tras as informacións coñecidas nos últimos días sobre as cantidades que os administradores de Alimentos Lácteos cobraron ilegalmente o BNG de Touro esixe, unha vez máis, a dimisión do tenente de alcalde do concello, Eugenio Montero (PP), presidente do consello da empresa. Os nacionalistas consideran que Montero está máis que desacreditado para exercer un cargo público xa que a xuíza condénao a devolver os 118.200 euros euros que cobrou ilicitamente. Os nacionalistas van máis alá nesta ocasión e diríxense ao alcalde do Concello: se Montero non dimite, o alcalde debería cesalo, xa que Touro non merece ter un tenente de alcalde que roubou aos seus propios veciños e que, ao mesmo tempo que non lles pagaba polo seu leite, cobraba un salario de forma ilícita da empresa.

O BNG considera lamentable todo o que sucedeu con Alimentos Lácteos que ademais, lembran, cobrou varias subvencións da Xunta de Galicia. Desde o BNG cualifican de escándalo que Montero, cargo público do PP desde hai anos, estivese lucrándose persoalmente a través da empresa, que recibiu, como diciamos subvencións da Xunta de Galicia, tamén do Partido Popular. 

Pero os nacionalistas denuncian que aínda hai máis xa que mentres Montero e López (director e presidente do consello da empresa, ambos cargos do PP) cobraban esas cantidades elevadas de cartos, os gandeiros que vendían o seu leite á empresa non cobraban polos problemas de tesourería da mesma. Lembran desde o BNG que Eugenio Montero é tamén presidente da Cooperativa Arzuana, onde os gandeiros cobran o leite cun mínimo de tres meses de retrasos, e de aí en diante.

Por todo isto para o BNG resulta totalmente indefendible que Eugenio Montero continúe a ser o tenente de alcalde de Touro, localidade onde moitos gandeiros son damnificados pola súa mala xestión mentres el se lucraba persoalmente cos cartos que a empresa non tiña para os gandeiros. A condena do Xulgado do Mercantil de Lugo que o obriga a devolver eses cartos vén corroborar ese lucro persoal cobrando ilicitamente, e polo tanto non pode pasar nin un día máis con Montero como tenente de alcalde do Concello.

Ningún comentario: